Reflexionar sobre a internacionalización de Galicia en todos os niveis é o obxectivo do primeiro congreso que o IGADI, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, vai celebrar en Pontevedra. Será o desembarco deste organismo na cidade do Lérez no mesmo ano no que cumpre 25 anos de existencia. Con tal motivo, representantes da organización reuníronse co alcalde pontevedrés para solicitar o apoio do Concello.
Coa cita congresual prevista, -que se celebrará os días 16 e 17 de xuño na Facultade de Ciencias Sociais-, quérense poñer en común todas as perspectivas de internacionalización en Galicia e ofrecer á sociedade galega unha plataforma. Isto é, conectar as actuacións de todos os axentes que operan aisladamente e facer converxer as súas estratexias.
Así o sinalaba Xulio Ríos, director do IGADI, quen engadiu que paralelamente prevese realizar un diagnóstico sobre os estudos internacionais existentes e posibilitar o traballo en rede, e inserila á súa vez noutras redes internacionais.
O congreso está dirixido a todas aquelas persoas que teñan interese nese ámbito internacional. Articularase ao redor de catro mesas de traballo: económico-empresarial, institucional, social e educativo-cultural. A organización está a pechar os relatores destas mesas de debate. Precisamente o recente falecemento do xornalista, tradutor e ensaísta Ramón Lugrís, obrigou a buscar outra alternativa para a lección inaugural.
A cara pontevedresa da organización do congreso leva o nome de Álvaro López Mira, profesor e investigador do Observatorio de Gobernanza G3 do campus pontevedrés da Universidade de Vigo. "O local pode ser máis global que nunca e isto vaise a poder ver neste congreso", avanzou López Mira.