Os estudantes de Secundaria e Bacharelato do instituto Vale Inclán uníronse para celebrar o Día de Europa.
A celebración foi entre as 9:00 horas e as 12:00 horas. Entre as actividades programadas houbo unha charla de alumnos de 4º da ESO que falaron aos seus compañeiros de 1º e 2º sobre o Parlamento Europeo. Despois, de 11:00 a 11:30 horas tiveron lugar varias interpretacións musicais nas linguas estranxeiras impartidas no centro, de parte dos estudantes de 2º e 3º da ESO.
De 11:30 a 12:00 horas, ata 132 alumnos bailaron ao son do himno europeo con arranxos de muñeira, creando a bandeira Europea con paraugas. No baile tamén participaron 10 alumnos do Centro Príncipe Felipe e da Asociación de Voluntariado.
Esta iniciativa levouse a cabo como acto final do centro, que foi nomeado Escola Embaixadora Junior do Parlamento Europeo, polas actividades de ensino orientadas a sensibilizar en valores de cidadanía e democracia. Agora están á espera de que un xurado decida os centros gañadores, premiados cunha viaxe a Bruxelas a visitar o Parlamento Europeo.
Aos actos conmemorativos estivo convidado o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o inspector de Educación.