O Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra acolleu este martes o acto de entrega de premios aos proxectos gañadores do certame DepoEmprende na FP.
A cerimonia consistiu na exposición diante do xurado dos once proxectos elaborados por estudantes de sete centros correspondentes a cinco concellos. O presidente Luis López e o deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, foron os encargados de entregar os tres galardóns que premian o mellor proxecto en Grao Medio e os dous mellores de Grao Superior.
"Na Deputación xa o sabiamos, pero desta xornada saímos aínda máis convencidos de que a nosa xuventude ten todo o necesario para facer que a nosa provincia vaia a máis. Tedes ideas frescas e innovadoras; o coñecemento e a formación precisos; e a determinación para levalas a cabo. O único que precisades agora é un pequeno empuxón", afirmou o mandatario provincial en referencia aos plans de apoio á xente nova da Deputación.
Os primeiros en recibir o seu galardón foron os vencedores do mellor proxecto empresarial de Grao Medio. Os gañadores foron Rebeca María Domínguez, Myriam Aylen e Marta González do instituto IES Montecelo, en Pontevedra. O nome da súa iniciativa é “A ledicia das Mareas” e está enmarcada no ámbito do grao en Farmacia e Parafarmacia.
O primeiro premio da categoría de Grao Superior, levouno a estudante de Grao Superior Ana Abeledo, polo seu traballo Chucurruchú. Esta alumna cursa os estudos de Deseño e Xestión da Produción Gráfica, no IES Montecelo de Pontevedra.
O máximo recoñecemento nesta categoría outorga un premio de 700 euros, mentres que en Grao Medio o único premio ascende a 700 euros.