O I Memorial Sesmero homenaxeará todo o mes de outubro ao arquitecto César Portela

Pontevedra
03 de outubro 2014

César Portela é, a xuízo do Colexio de Arquitecto e do Ateneo de Pontevedra, "un produto local moi universal". Esta percepción, que este venres fixeron pública Manuel Abelleira y Antón Sobral en nome de ambas as dúas organizacións, compártena o Concello e Afundación e levounos a elixir a este arquitecto pontevedrés como o primeiro homenaxeado no I Memorial Sesmero, o ciclo pensado para homenaxear a Alejandro Rodríguez Sesmero, o arquitecto que modernizou a cidade como director facultativo de obras municipais

Antón Sobral, Antón Louro y Manuel Abelleira presentan el I Memorial Sesmero
Antón Sobral, Antón Louro y Manuel Abelleira presentan el I Memorial Sesmero / PontevedraViva

César Portela é, a xuízo do Colexio de Arquitectos e do Ateneo de Pontevedra, "un produto local moi universal". Esta percepción, que este venres fixeron pública Manuel Abelleira y Antón Sobral en nome de ambas as dúas organizacións, compártena o Concello e Afundación e levounos a elixir a este arquitecto pontevedrés como o primeiro homenaxeado no I Memorial Sesmero, o ciclo pensado para homenaxear a Alejandro Rodríguez Sesmero, o arquitecto que modernizou a cidade como director facultativo de obras municipais.

A programación do ciclo, que se realizará ao longo de todo o mes de outubro, dérona a coñecer o directivo do Ateneo, Antón Sobral; o concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Antón Louro; e o presidente da Delegación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) en Pontevedra, Manuel Abelleira. Trasladaron que o obxectivo desta actividade é "poñer en valor a figura dun profesional vinculado á cidade e que destaque nos eidos do urbanismo, a arquitectura ou as artes plásticas". No caso de Portela, Antón Louro considera que se cumpre este obxectivo, ao ser o home que fixo posible algúns das paisaxes urbanas máis felices da Pontevedra moderna.

O primeiro elixido é César Portela e as actividades centrais coas que se vai homenaxear serán nun edificio do que el mesmo fixo unha reforma integral, o centro social de Afundación en Pontevedra. Alí celebraranse un ciclo de charlas e unha exposición e a programación completarana unha visita o 18 de outubro ao Pazo Baión, restaurado por el; e un roteiro previsto para o sábado 11 de outubro polas zonas da cidade nas que está a impronta do arquitecto, como a praza de abastos, a praza da Ferrería, a igrexa da Peregrina, a basílica de Santa María ou a facultade de Belas Artes.

Con vocación didáctica e amena, as conferencias serán os venres 10 e 17 deste mes de outubro a partir das 20.00 horas. A primeira, na sala de conferencias de Afundación, contará con César Portela (que fará unha proxección gráfica comentada), o pintor Antón Patiño (falará da obra de Portela en Pontevedra) e o arquitecto Andrés Fernández Albalat (que falará da obra de Portela en Galicia). A segunda, no Café Moderno volverá abrirse coa proxección comentada de César Portela e, deseguido, falarán o arquitecto Antonio Barrionuevo (debullará a obra en España) e, finalmente, o arquitecto Damián Álvarez (a obra de Portela no mundo).

O vestíbulo de Afundación acollerá tamén unha exposición coas maquetas dos proxectos máis relevantes de César Portela ao longo da súa carreira profesional ata o próximo 24 de outubro.

Louro, que anticipou o seu desexo de que o Memorial que agora nace teña continuidade (anual ou bianual) no futuro, cualificouno como unha oportunidade de coñecer mellor ás persoas que, ao igual que fixo Sesmero, teñen contribuído ao desenvolvemento desta cidade.