O humor da Mostra da Parodia inicia o Entroido máis adiado

Pontevedra
20 de febreiro 2016

Sete agrupacións amosaron as súas divertidas recreacións durante a madrugada deste sábado 20 nos arredores da Peregrina ante a presenza de numeroso público. A partir das 17.00 horas vai desenvolverse o desfile do Entroido, que foi aprazado dúas veces debido ao mal tempo

Mostra da Parodia
Mostra da Parodia / PontevedraViva

O humor de sete agrupacións sorprendeu, unha vez máis, na Mostra da Parodia polas principais prazas do centro da cidade para iniciar un fin de semana intenso do Entroido que chega con máis atraso, tras dous adiamentos por culpa do mal tempo. 

A noite do venres 19 ao sábado 20 resultou longa e sorprendente coas propostas de grupos como Vamos a Todo co seu show "A túa cara non me soa" na praza de Ourense, ofrecendo unha versión do espectáculo televisivo. Moi preto, atopábanse as divertidas montaxes de Amoriños de Bora na praza da Peregrina, Os das Pistas ofreceron a súa parodia nos arredores da capela do mesmo xeito que o Equipo Ja co seu "Somos a alternativa" situado nas proximidades á rúa Benito Corbal. 

A Churrería Clandestina de Os de Sempre instalouse na praza Curros Enríquez mentres que Os Fojeiras de Sanxenxo, gañadores da Mostra, montaron a súa "Vaite con vento fresco" na Ferrería. Por último, Val do Lérez e a súa dinámica proposta foi seguido por numerosos pontevedreses na praza de España.

A Mostra da Parodia deixa paso a este sábado ao desfile do Entroido, aprazado en dúas ocasións por culpa do mal tempo. Ás 16.00 horas, concentraranse os participantes na rúa Eduardo Pondal para realizar a inscrición e a recollida do número de participación. A partir das 17.00 horas sairá o desfile desde a rúa Eduardo Pondal pasando por Uxío Novoneira, Cobián Areal, Benito Corbal, Peregrina, Michelena e praza de España para finalizar en cálea Alameda.

Ás 20.00 horas na praza da Ferrería entregaranse os premios do concurso de disfraces.

E este domingo 21, ás 20.00 horas, desenvolverase o tradicional enterro do loro Ravachol polo centro histórico.

Arquivado en