O Hospital Provincial, punto de partida para a renovación de todos os vaos de Pontevedra

Pontevedra
18 de outubro 2018

O Concello está a facer os trámites para renovar todos os vaos da cidade de oficio, de modo que non é necesario que as comunidades de veciños ou propietarios realicen xestións, senón que serán os funcionarios municipais quen se irá poñendo en contacto con todos os responsables 

Carme da Silva coloca o primeiro vao municipal renovado
Carme da Silva coloca o primeiro vao municipal renovado / PontevedraViva

O Hospital Provincial de Pontevedra converteuse no 'quilómetro cero' da renovación dos vaos da cidade. Tras a revisión de toda esta sinalización, o Concello localizou 1.350 vaos na zona urbana e este xoves inauguraron na instalación sanitaria a colocación das novas placas xa actualizadas. 

A alcaldesa en funcións e concelleira de Disciplina Urbanística, Carme da Silva, instalou ese vao número 1 acompañado por un representante do Servizo Galego de Saúde e integrantes dos servizos técnicos municipais e explicou que a partir de agora iniciarase a actualización do resto da cidade. 

As novas placas colocaranse por orde. En primeiro lugar irán todas as que teñen en regra todos os trámites e as taxas pagas. A continuación irán as anteriores ao ano 2003, daquela as posteriores a ese ano e, en último lugar, as que non están regularizadas. 

Da Silva explicou este xoves que o Concello está a facer estes trámites de oficio, de modo que non é necesario que as comunidades de veciños ou propietarios realicen xestións, senón que serán os funcionarios municipais quen se irá poñendo en contacto con todos os responsables das sinalizacións. 

O Concello contactará con todos e aqueles que o teñan todo en regra non terán que facer nada, senón que xa se colocará directamente o vao sen custo algún. Aos que estean irregulares comunicaráselles que deben facer para adaptarse á norma e, unha vez que dean de alta o vao e paguen a taxa correspondente, instalaranlles a nova sinalización tamén sen custo

A concelleira explicou que non se abrirá ningún expediente sancionador nesta fase, de modo que a regularización e actualización de todos os vaos da cidade non supoñerá para os pontevedreses máis gastos que o pago das taxas municipais correspondentes, que moitos xa pagaron.