O Hospital Miguel Domínguez aplicou por primeira vez un tratamento novidoso e eficaz que permite mellorar os síntomas dos pacientes con parkinson avanzado, unha enfermidade que en Galicia afecta a entre 8.000 e 10.000 persoas e en Pontevedra a entre 3.000 e 3.500.
A terapia, consistente nunha infusión continua por sonda, aplicouna por primeira vez a Unidade de Neuroloxía do Hospital Domínguez en colaboración co Servizo de Digestivo a un paciente con parkinson avanzado e mellora os síntomas motores e non motores da enfermidade.
O parkinson é unha enfermidade crónica, dexenerativa e invalidante e o 10% presenta a enfermidade en estado avanzado. A terapia permite que a substancia poida liberarse de modo continuo ao longo do tempo, favorecendo un tratamento personalizado. Grazas á súa novidosa formulación en xel, consegue unha maior estabilidade do paciente, xa que reduce os síntomas motores e non motores da enfermidade, o que se traduce nunha mellora da súa calidade de vida e unha ganancia na súa autonomía.
Segundo os especialistas do Hospital Miguel Domínguez, os pacientes con enfermidade de parkinson avanzada presentan complicacións como flutuacións motoras graves e discinesias, así como manifestacións neuropsiquiátricas e alteracións cognitivas de difícil manexo, xeralmente a partir dos 6-8 anos de iniciado o tratamento. Neste estadio da enfermidade, a maioría dos pacientes non responden axeitadamente aos fármacos convencionais, o que supón unha deterioración na súa autonomía para realizar as actividades cotiás e na súa calidade de vida. De aí a aplicación deste tipo de terapias avanzadas.
A doutora María Castro, neuróloga do Hospital Miguel Domínguez, destaca a importancia dunha colaboración multidisciplinar, na que se encontra involucrado o Servizo de Neuroloxía e Dixestivo, para unha axeitada abordaxe deste tipo de pacientes e a implementación deste tratamento.
A aplicación deste tratamento supón, segundo o director médico do hospital, Rafael Domínguez, un grande avance para o centro, que intenta sempre estar á vangarda das novidades médicas e tecnolóxicas, e especialmente no campo das neurociencias. "Este novo tratamento permítenos ter unha arma máis no noso arsenal terapéutico contra unha enfermidade moi incapacitante e limitante tanto para o paciente coma para o seu ámbito", indica.