O Hospital do Salnés estrea aseo adaptado para pacientes ostomizados

O Salnés
30 de maio 2018

Este espazo de servizo hixiénico, emprazado no vestíbulo principal do centro sanitario arousán, contou coas achegas técnicas da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal ( ASEII)

Aseo para pacientes ostomizados no Hospital do Salnés
Aseo para pacientes ostomizados no Hospital do Salnés / Sergas

Os pacientes ostomizados da comarca xa dispoñen dun aseo accesible e adaptado no Hospital do Salnés, que se engade aos dous que prestan servizo no Hospital Montecelo de Pontevedra.

Este espazo de servizo hixiénico, situado no vestíbulo principal do centro sanitario arousán, contou coas achegas técnicas da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASEII).

O aseo adaptado consta dun equipo de baño colgado, cunhas medidas de 1,50 metros de alto, 80 centímetros de ancho e 50 máis de profundidade. Está composto por un moble que leva incorporado un mecanismo similar ao dun inodoro, dotado dunha cisterna de 10 litros, un lavabo, unha xaboneira e un espello, a través do cal os pacientes poden visualizar a bolsa de ostomía cando teñan que manexala.

Ademais, conta cunha ducha de auga quente sanitaria con regulación e adaptada para que os pacientes disparen o chorro cunha man e poidan ter a outra libre para coller a bolsa.

Esta instalación adaptada e accesible tamén dispón dunha zona mesada para que os enfermos deixen os seus utensilios e amplitude para que as persoas  ostomizadas de diferente envergadura teñan maior accesibilidade á hora de facer uso do espazo. 

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi a primeira de España en dispoñer dun aseo accesible en condicións óptimas para as persoas portadoras dunha bolsa de ostomía, dando resposta a unha demanda deste colectivo de pacientes que lles supón unha importante mellora da súa calidade de vida. 

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés estímase que existen preto de 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomía.