O "horto terapéutico" chega a Pontevedra

Pontevedra
25 de xullo 2017

Os chamados "hortos terapéuticos" iniciaron a súa andaina nos países anglosaxóns hai máis de cincuenta anos e diversos estudos mostraron a súa eficacia na redución da incidencia de enfermidades coronarias e demencia nas persoas maiores que o practican. Para velo na práctica, basta achegarse ata a Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas e compartir unha clase de xardinería e horto cun nutrido grupo de usuarios da Residencia de Maiores de Campolongo.

Taller de "horto terapéutico" na Residencia de Maiores de Campolongo
Taller de "horto terapéutico" na Residencia de Maiores de Campolongo / Mónica Patxot

Un proverbio chinés aconsella o seguinte: "se queres ser feliz toda a túa vida, cultiva un horto". Para velo na práctica, basta achegarse ata a Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas e compartir unha clase de xardinería e horto ecolóxico cun nutrido grupo de usuarios da Residencia de Maiores de Campolongo.

Coas vacacións escolares, os exteriores deste colexio están en desuso. A proximidade coa Residencia de Maiores e a súa contorna privilexiada no parque de Campolongo, convérteno no espazo idóneo para desenvolver esta actividade. Así nolo confirma Luz Gómez, a monitora do curso e técnica da Horta Agrelo: "O proxecto consiste en aproveitar elementos do entorno natural que temos aquí en Pontevedra ou nas cercanías e utilizalo como unha forma de ocio e lúdica para que, neste caso, as persoas da terceira idade saian e fagan actividades que moitas veces lles recordan precisamente aos traballos que eles facían no campo, o que pasa é que nós o facemos máis sinxelo e de maneira terapéutica".

Esta iniciativa xorde ao amparo do Plan Social de Ence e o seu "Programa de axudas a entidades que loitan contra a exclusión social". Asistimos á segunda semana de clase dunha actividade que se vai a prolongar todo o ano. Mesmo, cando empece o curso escolar e os rapaces volvan encher o colexio, "temos a idea de que traballen cos nenos, para que lles conten das súas experiencias e que os nenos aprendan deles", coméntanos Nuria Barreiro, a terapeuta ocupacional da Residencia de Maiores de Campolongo, dependente da Xunta de Galicia.

A importancia deste proxecto reside en conseguir que as persoas maiores conserven unha maior autonomía posible, tanto a nivel corporal, como no que se refire á mente e as relacións sociais. Para Ana Carballal, a coordinadora do proxecto, é clave que sexa unha actividade que lles guste, non unha obriga, para "que o horto sexa unha motivación para saír do centro, para entrar en contacto coa natureza, para que teñan unha motivación para coidar algo".

Os chamados "hortos terapéuticos" iniciaron a súa andaina nos países anglosaxóns hai máis de cincuenta anos e diversos estudos mostraron a súa eficacia na redución da incidencia de enfermidades coronarias e demencia nas persoas maiores que o practican.

O programa "Xardinería, horto, talleres e paseos" únese a un total de 226 proxectos seleccionados na I Convocatoria do Plan Social de Ence en Pontevedra, en resposta ao Pacto Ambiental entre a Xunta de Galicia e Ence.

Arquivado en