O home que disparou á súa muller na cabeza e atrincheirouse na súa vivenda do Grove, en decembro de 2018, foi posto en liberdade provisoria á espera de xuízo. Así o desvelou a vítima deste suceso de violencia machista.
Nunha carta remitida ao Diario de Arousa, a vítima lamenta celebrar este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia sobre a Muller, descubrindo que a súa ex parella sairía de prisión antes do previsto,
Asegura que a forma na que se decatou "foi de risa", xa que revela que apareceron dúas persoas na súa casa para instalarlle un dispositivo de seguimento. Non foi ata máis tarde que o seu avogado comunicoulle o auto do xuíz no que se decretaba a súa liberdade.
"A el vanlle a poñer unha pulseira… e a esperar que funcione", relata a muller, que censura que a xustiza poña en liberdade ao home "que quixo arrebatarme a vida e deixar á miña filla sen nai".
Tras esta decisión, ela pregúntase "quen pode vivir agora tranquila" ou evitar que tente poñerse en contacto con ela ou coa súa filla, unha situación "que me ocasiona moito dano" ante a cal reitera que "quero volver vivir sen medo".
O suceso produciuse o 5 de decembro de 2018 cando o home, que tiña unha orde de afastamento da súa parella, coa que convivira máis de vinte anos, regresou ao Grove para atentar contra ela.
Conservaba unha chave da vivenda na que ambos residiran e esperouna dentro ata que, tras a súa chegada, pegoulle dous tiros que lle causaron feridas no pescozo e na cabeza.
A muller logrou ser rescatada pola xanela da vivenda por axentes da Garda Civil, e o agresor atrincheirouse nunha das habitacións e tratou de quitarse de vida.