O home que acoitelou dúas veces a súa ex parella en Monte Porreiro di na Audiencia que foi "un momento de rabia"

Pontevedra
05 de setembro 2024

A Audiencia Provincial de Pontevedra foi escenario este xoves 5 de setembro dun xuízo por delito de asasinato en grao de tentativa, coas agravantes de xénero e parentesco derivado duns feitos que se producían en Monte Porreiro en abril de 2023. O home recoñeceu que acoitelou a súa ex parella dúas veces na vivenda que compartían

O acusado de acoitelar no pescozo e na man a súa ex parella sentado no banco de acusados
O acusado de acoitelar no pescozo e na man a súa ex parella sentado no banco de acusados

A Audiencia Provincial de Pontevedra foi escenario este xoves 5 de setembro dun xuízo por delito de asasinato en grao de tentativa, coas agravantes de xénero e parentesco.

Hugo F., o home acusado de tentar asasinar á súa ex parella, enfróntase a unha petición de condena por parte da Fiscalía de 17 anos de prisión polos feitos ocorridos en abril de 2023.

Segundo quedou de manifesto na vista oral, o incidente tivo lugar o sábado 29 de abril no domicilio que ambos compartían, malia ter deixado a relación tres meses antes dos feitos, no barrio de Monte Porreiro.

No seu testemuño na sala, o acusado recoñecía ter agredido á vítima cun coitelo de cociña, tras unha discusión, causándolle feridas no pescozo e na man.

Durante a súa declaración, Hugo F. alegou ter consumido "dous vasos de whisky" antes do incidente e describiu a agresión como "un momento de rabia".

Insistiu en que non tiña intención de matar á vítima e afirmou ter chamado ao 112 para entregarse tras o ataque, de xeito que permitiu a súa detención na praia fluvial do Lérez, minutos máis tarde, por unha patrulla da Policía Nacional.

O acusado concluíu o seu testemuño lamentando as súas accións entre saloucos: "quero pedir perdón polo que fixen".

A vítima, pola súa parte, ofreceu un testemuño detallado da agresión durante a súa declaración detrás dun panel protector evitando o contacto visual co acusado.

Relatou como o seu ex parella a seguiu por unha habitación cun coitelo oculto nas costas ata que a atacou repetidamente, despois de que ela lle preguntase cando ía abandonar o domicilio e el lle pedira un "último abrazo" ao que ela se negou.

Declaración da vítima: "Díxenlle que parecía que me estaba matando e el contestou que iso era o que quería"

"Tratei de correr e fuxir pero el intentaba seguir apuñalándome", explicou despois de que el comezase a golpeala na cabeza e nos brazos intentando suxeitarlle o pescozo ata que, aproveitando un esvaramento, lle realizaba un corte lateral no pescozo.

A continuación, agarrouna da blusa por detrás cando ela se dirixía ata a porta da vivenda. Nun momento en que xirou para tentar escaparse, el intentou apuñalala "por abaixo" pero ela defendeuse cunha man na que tamén sufriu feridas como consecuencia dun novo corte. "Intentou cravarme o coitelo moitas veces", engadiu.

"Díxenlle que parecía que me estaba matando e el contestou que iso era o que quería", expuxo a muller.

Logrou escapar grazas á intervención dos veciños, alertados polos seus berros de auxilio. "El quedou no piso. Tiña unha sudadeira marrón e, ao pouco, como se non fose con el a cousa, baixou as escaleiras normal, levaba unha sudadeira beixe", continuou relatando a agredida a preguntas da Fiscalía.

Ademais da tentativa de asasinato, a Fiscalía acusa a Hugo F. de acoso e furto, este último pola desaparición de 350 euros da vítima tras o incidente.

Durante a vista oral, tanto a vítima como a súa irmá apuntaron a que o home espiaba á muller exercendo unha vixilancia e control "permanente" sobre ela. Ambas coincidiron en cualificalo como un home "moi celoso".

A muller agridida declarou que, como consecuencia do ataque, recibe tratamento psicolóxico como vítima de violencia de xénero, sofre ataques de ansiedade e ten pesadelos recorrentes sobre o incidente lembrando a escena "cada día"

"Sinto que me están perseguindo e que me van facer dano. Sempre soño que el vén rematar o que comezou, a matarme", recoñeceu ante o tribunal.

O Ministerio Público solicitou unha pena de 17 anos de prisión para o acusado, así como a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 23 anos.

Ademais, pide 10 anos de liberdade vixiada, a prohibición de portar armas durante 2 anos, unha indemnización de 37.350 euros para a vítima e unha compensación de 1.140,57 euros ao Sergas pola atención médica prestada.