O home detido polo crime da muller de Marín tiña antecedentes por violencia de xénero

Marín
28 de decembro 2013

Este veciño de Marín de 39 anos levaba catro meses mantendo unha relación sentimental coa vítima, segundo fontes policiais. Este domingo pasará a disposición xudicial tras recoñecer a autoría do crime na declaración prestada ante a Policía Nacional

O home detido na noite do 27 de decembro como presunto autor da morte da muller de Marín, I.P.F., o pasado xoves contaba con antecedentes policiais por violencia de xénero, relacionados cunha parella anterior, no ano 2002 por agresión sexual e ameazas. No 2009 tamén foi detido por violencia doméstica por agresións ao seu pai e ao seu irmán.

Trátase dun veciño de Marín de 39 anos de idade que, tras prestar declaración nas dependencias policiais, recoñeceu ser o autor da morte da muller de 45 anos no domicilio onde residía na rúa Alcalde José del Río.

Os feitos aconteceran o 26 de decembro cando un veciño alertado por encontrar aberta a porta da vítima chamou un irmán da muller que, ao chegar ao domicilio, se lle encontrou tendida no chan do salón sobre un charco de sangue.

A partir dese momento, os axentes solicitaron datos e testemuños entre os veciños para identificar o autor dos feitos. Tras a inspección técnico-ocular realizada pola Policía Científica no domicilio da vítima, ademais dos resultados da autopsia que certificaban que se trataba dunha morte violenta, os axentes conseguiron identificar o presunto autor que levaba mantendo unha relación sentimental coa muller dende había catro meses. Non existían denuncias previas nin antecedentes coñecidos de problemas entre ámbolos.

Durante a mañá deste sábado, os axentes autorizados pola Autoridade Xudicial levaron a cabo un rexistro no domicilio do home detido na rúa Fondo do Saco.

Na operación participaron axentes da Comisaría provincial de Pontevedra e das Comisarías de Marín e Vigo, ademais de axentes da Policía Xudicial.

O detido será posto a disposición xudicial durante a mañá do domingo como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

A Delegación do Goberno en Galicia lembra a importancia de usar o teléfono 016, que é gratuíto e garante a confidencialidade da chamada para denunciar casos de violencia contra as mulleres.