O 'gurú económico' de Pablo Casado virá a Pontevedra a falar de emprego e economía

Pontevedra
28 de marzo 2019

Dúas xornadas, abertas á cidadanía, que terán lugar o 4 e 11 de abril no Hotel Rías Baixas. É o que ofrecerá o I Foro PontEmplea, que organiza o PP de Pontevedra para escoitar a visión de expertos sobre creación de emprego e economía

Pepa Pardo e Rafa Domínguez presentando o I Foro PontEmplea
Pepa Pardo e Rafa Domínguez presentando o I Foro PontEmplea /

Dúas xornadas, abertas á cidadanía, que terán lugar o 4 e 11 de abril no Hotel Rías Baixas. É o que ofrecerá o I Foro PontEmplea, que organiza o PP de Pontevedra para escoitar a visión de expertos sobre creación de emprego e economía.

O economista Daniel Lacalle, o 'gurú económico' do líder nacional dos populares, Pablo Casado, participará na primeira destas xornadas, xunto co secretario xeral da patronal de fabricación de conservas (ANFACO), Juan Manuel Vieites.

O 11 de abril, pola súa banda, o PP pontevedrés convidará á empresaria Marisol Bueno, a primeira presidenta do Consello Regulador da DO Rías Baixas, e ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros.

As xornadas foron presentadas polo candidato do PP á Alcaldía, Rafa Domínguez, e a secretaria xeral do partido, Pepa Pardo, que destacaron a importancia de "escuchar a la gente que emprende" nunha cidade que presenta datos económicos "preocupantes" e onde "no existen" oportunidades de futuro.

Domínguez lembrou algunhas medidas que propón para o seu goberno, entre eles a elaboración dun Plan Estratéxico de Emprego, a posta en marcha dunha "revolución fiscal" que permita unha baixada xeneralizada de impostos, a elaboración dun novo PXOM ou a creación de máis chan industrial.

"La generación de empleo tiene que ser fundamental para esta ciudad", reiterou o candidato popular, que avanzou que para estas xornadas os populares cursarán invitacións ás principais agrupacións de empresarios.

Con esta iniciativa, engadiu Pepa Pardo, "de nuevo abrimos el partido a la ciudad y a los pontevedreses con la organización de actos y eventos que son de interés en Pontevedra".

Arquivado en