A parlamentaria socialista Paloma Castro acusou este martes ao goberno galego de "encher os petos" cos fondos comunitarios para a covid mentres se nega a axudar aos concellos para financiar as novas obrigas de desinfección de parques e zonas deportivas.
Explica que a desinfección destas instalacións, imposta pola Xunta, supón 50.000 euros ao mes só para o Concello de Pontevedra.
Castro presentou este martes en Pontevedra, xunto co concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, unha iniciativa parlamentaria que levará o mércores a Comisión para reclamarlle á Xunta que empregue parte do fondo extraordinario de 7.000 millóns de euros que recibirá entre 2020 e 2021 para aliviar os custes extraordinarios dos concellos para desinfección de parques e zonas deportivas ao aire libre.
Esixiulle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e ao vicepresidente primeiro Alfonso Rueda que "expliquen o que están a facer con estes fondos que non repercuten na sanidade, na educación nin nas axudas aos autónomos ou empresarios e por suposto tampouco os están a destinar para aliviar a carga dos concellos".
Pregunta se "están a encher o peto da Xunta cunhas axudas que non están a repercutir na cidadanía para a que están destinadas".
A parlamentaria socialista presentará esta iniciativa na Comisión de Política Institucional que se celebrará o mércores na Cámara autonómica, na que lle reclamará ao goberno galego que explique se vai asumir parcialmente o custe das desinfeccións dos parques infantís.