O Grove solicitou 711.000 euros á Deputación para levar a cabo sete proxectos

O Salnés
13 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Concello do Grove solicitou 711.791 euros á Deputación de Pontevedra para levar a cabo sete proxectos. A maioría dos fondos (638.151 euros) procederán do Plan Máis Provincia 2024

Pavillón de Comeniño, no Grove
Pavillón de Comeniño, no Grove / Concello do Grove

O Concello do Grove solicitou 711.791 euros á Deputación de Pontevedra para levar a cabo sete proxectos. A maioría dos fondos (638.151 euros) procederán do Plan Máis Provincia 2024. 

A actuación máis ambiciosa é precisamente a que se levará a cabo no pavillón de Comeniño, nas que se investirán 303.000 euros, incluindo tamén unha axuda do Plan de Infraestructuras Deportivas da Deputación.

O segundo proxecto cun maior custo é o arranxo do depósito de augas de Borreiros, para o que se solicitan 135.200 euros.

Á humanización da rúa Entrehortas dedicaranse 98.265 euros, en tanto que para os tamices da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) o Concello solicitou 56.259 euros.

Para obras de mantemento xeral das rúas, como instalación e reparación de farolas, sinais de tráfico e, sobre todo, pintado das propias rúas solicitáronse 45.674 euros.

Algo máis de 41.000 euros será o que o Grove dedique ao arranxo do parque do colexio Rosalía de Castro, en tanto que 32.000 serán para o arranxo do parque do Sineiro.