O Concello do Grove mantense firme no seu rexeitamento á implantación do sistema de cita previa para acudir ás praias no verán. O executivo municipal considérao unha proposta imposible de aplicar nun municipio con máis de trinta areais e que vai en contra da súa liña de traballo, que pasa polo máximo coidado da localidade e a recuperación da normalidade.
No informe técnico de preparación da tempada de verán que trasladarán á Xunta especificando as súas necesidades, o goberno local incide na necesidade de reforzar os servizos de limpeza e mantemento que o Concello xa realiza nas praias porque necesitará un plantel máis amplo para levar a cabo as limpezas de aseos ou ampliar as zonas de seguimento.
"Os fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra permiten contar con operarios de desbroce e limpeza de praias durante a temporada de verán, pero nestas circunstancias isto non é suficiente polo que é necesario o apoio da Xunta de Galicia", explican desde a alcaldía.
Por iso, o Concello solicita que se habiliten fondos para axudar aos municipios costeiros e turísticos que teñen necesidades adicionais e específicas para o proceso de recuperación.