A Deputación de Pontevedra vén de confirmar a axuda económica para o mantemento no Concello do Grove dun grupo municipal de atención de Emerxencias.
Deste xeito dende a institución provincial indícase que se concede a totalidade da aportación solicitada (41.660,78 euros) sempre que a mesma se articule a través dun convenio de cooperación no que participen Concello, Deputación e Xunta de Galicia, tal e como se fixo nos anos anteriores dende que este servizo se converteu en estable no Concello.
É precisamente o apoio da Xunta de Galicia o que segue pendente de confirmación, non contando ata o de agora con ningunha información ao respecto.
Este servizo fora asumido polo Concello do Grove por unha sentenza xudicial relativa á situación laboral dos traballadores pero o seu funcionamento depende en gran medida das aportacións doutras institucións ao non contar o Concello con dotación suficiente para darlle cobertura ao mesmo.
Deste xeito, é necesario que a Xunta de Galicia manteña, a lo menos as axudas que se outorgaron os dous últimos anos.