O Grove quere que o seu entroido sexa Festa de Interese Turístico

O Salnés
12 de febreiro 2018

O goberno municipal busca así reivindicar a peculiaridade e orixinalidade do seu entroido, unha das tradicións máis arraigadas na vila

Noite Meiga no Grove
Noite Meiga no Grove

O Concello do Grove acaba de iniciar os trámites para solicitar á Xunta de Galicia a declaración do entroido da vila como Festa de Interese Turístico.

O goberno municipal busca así reivindicar a peculiaridade e orixinalidade do seu entroido, unha das tradicións máis arraigadas na vila.

Ao mesmo tempo, destacan que esta festa incide na capacidade dinamizadora do Grove nunha época do ano onde se desestacionaliza a actividade da hostalería local e se consigue manter activa a chegada de visitantes a todo o municipio.

De cara a conseguir esta declaración, o Concello deberá elaborar un informe que incida na orixe histórica desta celebración, a súa continuidade ao longo dos anos, a singularidade, o arraigo, o valor cultural ou aspectos organizativos como os esforzos promocionais e de seguridade realizados desde que se organiza esta festa.

O seguinte paso será elevar a pleno esta solicitude para, posteriormente, darlle traslado á Xunta de Galicia, que é a responsable de outorgar dito recoñecemento.

CAMBIOS NO PROGRAMA

Mentres tanto, O Grove céntrase na festa deste ano. A previsión meteorolóxica para este martes 13 de febreiro fixo necesario suspender o tradicional desfile no sambódromo meco

Esta celebración trasládase ao sábado 24 de febreiro co mesmo percorrido e as mesmas condicións establecidas. Outro dos eventos que se modifica é o Enterro da Sardiña, que se realizará o sábado ao rematar o desfile de entroido, tamén co mesmo percorrido.

O resto do programa continúa como estaba previsto xa que o mércores 14 de febreiro e o xoves 15 de febreiro todas as actividades se realizarán a cuberto na Carpa do Entroido.

Arquivado en