O Concello do Grove inaugura a edición número 59 do seu evento máis representativo e que ten a distinción de Interese Turístico Nacional, a Festa do Marisco.
Nesta xornada inicial celebrouse o acto de inauguración no que participou o alcalde, José Antonio Cacabelos, xunto con varios membros da corporación municipal, representantes de Abanca e membros do Consello Local de Turismo na Carpa Degustación. Como peche do día, o grupo local Buxa actuou na Carpa de concertos.
No día de hoxe o horario de venda de tickets foi de 19:00 a 22:30 horas, pechando os stands para recoller o marisco ás 23 horas.
A partir de agora, de luns a xoves as caixas abren de 12 a 16:30 h e de 19 a 22:30 h, mentres que os venres, as caixas abren de 11:30 a 17 h e de 19 a 23 h. Os postos de marisco pechan media hora despois das caixas.
Durante o acto de inauguración, o alcalde, José Antonio Cacabelos, declarou que "é unha ledicia poder volver a celebrar a Festa do Marisco con total normalidade, despois destes anos de pandemia".
Durante o acto o rexedor fixo fincapé en "agradecer a todos os traballadores e traballadoras, ademais de entidades colaboradoras, o seu esforzo para conseguir que este evento siga sendo un referente gastronómico tanto en Galicia como a nivel nacional".
Por último o dirixente quixo invitar a "todos e todas, veciñanza e visitantes, a vir gozar da Festa do Marisco, que durante 14 días encherá a vila do Grove da mellor gastronomía e música para todos os gustos e franxas de idade".