O Grove continúa con máximas restricións e Marín, Meaño, Ribadumia e Vilanova pasan a nivel alto

Marín
20 de abril 2021

O comité clínico, reunido na tarde deste martes, decidía tamén establecer nivel medio de restricións aos municipios de Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis e Sanxenxo. Os cambios entrarán en vigor ás 00,00 horas deste vindeiro venres, 23 de abril.

Persoas paseando por Sanxenxo
Persoas paseando por Sanxenxo /

A comarca do Salnés ve como se endurecen as medidas restritivas debido á preocupante situación da evolución da pandemia nos municipios da zona.

O comité clínico, que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia da covid-19, tomaba a decisión esta tarde do martes 20 de manter o nivel máximo de restricións no concello do Grove, que xa se atopaba nesta situación, ademais de en A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras, e Cualedro.

Isto supón peche total da hostalería, salvo para levar e servizo a domicilio, peche perimetral do concello e reunións limitadas a conviventes en todos os espazos.

En nivel alto de restricións pasan a estar, segundo determinou o comité, os concellos pontevedreses de Marín, Meaño, Ribadumia e Vilanova de Arousa. Ademais tamén estarán neste nivel Padrenda, Cortegada, O Barco, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira e Cambre.

Neste caso, a hostalería só poderá permanecer aberta ata as 21.00 horas pero unicamente ofrecendo servizo nas terrazas cun máximo de capacidade do 50%. As reunións poderán ser dun máximo de seis persoas en exteriores.

En nivel medio pasarán a situarse os concellos de Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa, Meis e Sanxenxo na contorna do Salnés. Ademais tamén quedan neste nivel Cangas, Gondomar, Ponteareas, Vigo, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Trabada, Barreiros, Lobios e Cartelle, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade.

Estes municipios verán como a hostalería só poderá ter un aforo do 50% nas terrazas e un 30% en interiores, os bares pecharán ás 21.00 horas e poderanse reunir un máximo de seis persoas en exteriores e catro en interiores destes establecementos de hostalería.

No resto dos concellos de Galicia, entre eles o de Pontevedra, continuarán as restricións fixadas no nivel medio baixo. 

Estas novas medidas entrarán en vigor ás 00.00 horas do próximo venres 23 de abril. Está previsto que este mércores o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña acompañado polo resto de autoridades sanitarias explique con detalle as medidas adoptadas.