O groso da vendima en Rías Baixas comezará en quince días con previsión dun leve descenso de produción

Pontevedra
28 de agosto 2024

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas mantén a previsión dos 41 millóns de quilos de uva na colleita, fronte aos algo máis de 44 millóns de quilos que se produciron na vendima do ano pasado

Vendima nas Rías Baixas
Vendima nas Rías Baixas / DO Rías Baixas

O groso da actividade da vendima na Denominación de Orixe Rías Baixas desenvolverase entre a segunda e a última semana de setembro de acordo ás estimacións que ten este Consello Regulador. Antes, é probable que algunha adega da subzona do Condado do Tea comece a próxima semana, "ou esta mesma, excepcionalmente, para a elaboración dalgún espumoso" sinalan fontes deste organismo. No caso da subzona do Salnés, a estimación de inicio está entre o 10 e o 12 de setembro.

No que refire a cantidade, mantense a previsión feita o pasado xullo e que indica ao redor de 41 millóns de quilos de uva. Unha cifra por baixo dos algo máis de 44 millóns de quilos que se cultivaron o ano pasado, sendo esta superior á cantidade do 2022. Esa estimación que facían os técnicos das adegas e os técnicos de campo da Denominación de Orixe dependía da meteoroloxía durante o mes de agosto.

"De acordo a como se desenvolveu, con bo tempo, temperaturas altas e mesmo soprando vento, pode facer que haxa unha pequena diminución. A planta ao non ter auga, usa a da uva, como fan todos os vexetais para alimentarse. Neste caso o froito pode ter unha pequena diminución en peso, pero ratificámonos nesa previsión dos 41 millóns de quilos", explica Ramón Huidobro, secretario xeral do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Para esta campaña contarán con vinte e tres veedores, técnicos encargados de controlar a cantidade e calidade da uva que entra nas adegas da Denominación.

A diferenza do que ocorreu con outras zonas vitivinícolas galegas como as correspondentes a O Ribeiro e Ribeira Sacra que solicitaron á Xunta permisos de destilación para sacar o excedente de produto que teñen nas adegas, no caso de Rías Baixas isto non sucede. "Levamos un ritmo de vendas moi similar ao do ano pasado. Non hai interese en solicitar destilación, nin almacenamento de crise. Hai capacidade dabondo nas adegas", explica Huidobro. 

Os millóns de quilos cultivados esta próxima vendima pódense traducir nuns 28 ou 29 millóns de litros de viño "e nós estamos nun volume de comercialización de 27 millóns de litros, así que non temos grandes excedentes. En todo caso sería ao revés, falta de excedentes. Sempre é bo ter algo máis de viño porque permite elaboracións especiais e ir ao mercado con máis tranquilidade", engade.