O Green Campus consegue recadar 136 aparellos electrónicos para a súa reutilización

Pontevedra
02 de febreiro 2017

Trátase da terceira campaña de reciclaxe que organiza o Green Campus a favor da reutilización de material electrónico por parte dos membros da comunidade universitaria e de todos os pontevedreses que estean interesados

As caixas onde podían depositarse os materiais electrónicos na FCSC
As caixas onde podían depositarse os materiais electrónicos na FCSC / DUVI

Co obxectivo de darlle unha nova vida a todos aqueles aparellos electrónicos que temos abandonados no trasteiro, o Campus de Pontevedra levou a cabo entre o 23 e o 27 de xaneiro unha recolección de obxectos para ser reciclados. Os materiais podían ser entregados tanto na zona do campus como na Casa das Campás, o Pavillón Universitario ou a Vicerrectoría.

A terceira campaña de reciclaxe conseguiu un total de 136 materiais eléctrónicos, dende computadores de mesa ata sandwicheiras e depiladoras, que serán entregados á Oficina de Medioambiente. Segundo a Área de Planificación do campus, destes 136, un 36,7% foi cedido polos alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, seguida polo resto de facultades da Xunqueira e deixando á cola aos alumnos de Belas Artes.

A reciclaxe é un dos puntos clave na empresa de Green Campus, que incide na importancia da educación ambiental e a sustentabilidade. Para iso, organizaron diversas campañas ao longo do curso escolar para facer visible temas como a mobilidade sustentable, a accesibilidade e outros plans de reciclaxe.

Debido ao éxito de proxectos como este, a Área de Planificación non descarta apostar por organizar máis campañas de reutilización de forma periódica.