O Consello da Xunta aprobou este xoves a declaración de incidencia supramunicipal do proxecto sectorial para a ampliación do hospital Montecelo.
Este trámite, segundo explicou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "permítenos modificar o planeamento da cidade de Pontevedra para poder, no seu momento, ter licenza que nos habilite á construción do hospital".
Esta declaración como supramunicipal permite dar cabida á área na que se situará o novo hospital, lindeira coa parcela actual polo sur. Trátase dunha parcela de 9,6 hectáreas que practicamente cuadriplican as 2,5 hectáreas actuais.
Tamén contempla a nova vía de acceso proxectada polo Concello de Pontevedra, que ofrece unha variante para o tráfico que actualmente circula pola avenida Montecelo; e posibilita a creación de aparcadoiros suficientes que satisfagan as futuras necesidades producidas pola ampliación do servizo asistencial.
A tramitación do proxecto, engadiu Feijóo, segue os prazos "inicialmente previstos", de modo que se prevé licitar e comezar a execución da obra ao longo do ano que vén.
Esta obra, que conta cun orzamento de 140 millóns de euros, converterá Montecelo nun hospital máis amplo e máis cómodo, afirmou o titular do goberno galego, con 120 camas máis, novos servizos asistenciais e un 50% máis de superficie.