O Gran Montecelo terá un aparcamento de pago e con prezos "asequibles"

Pontevedra
24 de marzo 2022

Na comparecencia de prensa posterior ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que se celebrou este xoves en Pontevedra, Núñez Feijóo avanzou que nas próximas semanas presentarase un proxecto de aparcamento "que xa está ultimado" para garantir o estacionamento no novo hospital

Obras do Gran Montecelo
Obras do Gran Montecelo / Servizo Galego de Saúde

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a construcións dun aparcamento para dar servizo ao Hospital Montecelo.

Na comparecencia de prensa posterior ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, que se celebrou este xoves en Pontevedra, Feijóo avanzou que nas próximas semanas presentarase un proxecto de aparcamento "que xa está ultimado" para garantir o estacionamento no novo hospital.

O presidente do executivo autonómico tan só detallou que para construír esta infraestrutura aproveitarase o desnivel do terreo.

Será un aparcamento en réxime de concesión cun sistema de pago e financiamento que "será igual ao de todos os hospitais públicos de Galicia" e que dará servizo a usuarios e persoal do centro e "que terá prezos asequibles".

Ademais, Feijóo destacou que a Xunta adoptou esta decisión despois de que o Concello "non dixera nada" sobre a posibilidade de habilitar os terreos necesarios para o estacionamento na contorna do centro.

ACELERADORES LINEAIS

Ademais, o presidente da Xunta informou que se destinarán nove millóns de euros a comprar catro novos aceleradores lineais de grandes prestacións, dos que dous irán a Montecelo. Trátase do dispositivo que se emprega para dar radioterapia a enfermos con cancro.

Dispoñer destas dúas novas máquinas de radioterapia en Pontevedra "evitará que 600 pacientes ao ano teñan que desprazarse fóra da súa área sanitaria", indicou Feijóo.

Tamén se adquiriu para Pontevedra unha gammacámara, dúas TAC e unha máquina de resonancias e ademais renovarase a sala de hemodinámica.

GRAN MONTECELO

O presidente da Xunta apuntou que a construción do novo Hospital Gran Montecelo "avanza por baixo dos prazos previstos" polo que "previsiblemente" estará finalizada a obra a finais de 2023 ou principios de 2024, seis meses antes do prazo fixado.

Segundo Núñez Feijóo, a día de hoxe xa se executou un 10% da obra, aínda que tivo que paralizarse momentaneamente pola crise de subministracións, pois esta impide a chegada do formigón suficiente para avanzar os traballos. 

O mandatario autonómico confía en liquidar estas adversidades e afirma que "seguimos a manter o obxectivo de que estea acabado a finais de 2023 ou principios de 2024, aínda que o prazo legal de execución sexa a mediados de 2024".

RESIDENCIA AMANCIO ORTEGA

Feijóo tamén se referiu á residencia de maiores financiada pola Fundación Amancio Ortega da que este mércores "por fin", obtivo a licenza de obra do Concello e, tras o contacto coa fundación, "cremos que estamos en situación de poder anunciar o inicio das obras dentro de poucas semanas", previsiblemente "para despois de Semana Santa ou principios de maio".

Arquivado en