O proxecto de 'Gran Montecelo' polo que aposta a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia non só supón a ampliación das actuais instalacións de Montecelo, senón que nace coa vocación de converterse nun gran hospital que reúna nun único edificio todas as especialidades médicas e os servizos que ata agora se prestan tamén no Hospital Provincial e no centro de especialidades de Mollaboa, todo cunha única porta de entrada de urxencias.
Así o deu a coñecer o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, na súa comparecencia este mércores no Parlamento de Galicia, na que indicou que "é desexable un edificio único, cos profesionais concentrados nun único edificio, e non dispersos en tres".
Vázquez Almuiña recoñeceu que non queda desbotada a alternativa de Monte Carrasco, que definiu como "un proxecto sólido que, con todo, contou coa oposición dalgúns sectores de Pontevedra", pero de momento queda aprazada sen prazos nin dotación orzamentaria.
O conselleiro explicou que o obxectivo é que o proxecto que finalmente se leve adiante sexa o mellor desde o punto de vista asistencial e técnico e que conte cun alto grado de consenso. Para iso mantivéronse contactos cos principais axentes implicados, como profesionais, asociacións veciñais, o Concello de Pontevedra e os partidos con representación no consistorio.
Segundo Vázquez Almuiña, o antigo proxecto de ampliación de Montecelo cara á ladeira presentaba un deseño ríxido, sen posibilidades de mellora ou ampliación, dificultades construtivas e limitacións derivadas dos problemas de acceso.
Ademais, o proxecto inicial planeado tiña "graves incertezas" acerca da viabilidade do proceso de construción e dos custos e presentaba a dificultade de facer convivir durante anos as obras coa funcionalidade sanitaria dun hospital en pleno funcionamento. Fronte a isto, a proposta do 'Gran Montecelo' consiste nunha ampliación cara ao sur, en terreos que ocupan unha superficie aproximada de 46.200 metros cadrados.