O Gran Montecelo e o saneamento da ría acaparan o investimento da Xunta en Pontevedra para 2022

Pontevedra
20 de outubro 2021

Dous proxectos que veñen de lonxe, a ampliación do hospital de Pontevedra e o saneamento da ría, 'devorarán' a práctica totalidade dos investimentos que a Xunta de Galicia prevé realizar na cidade de Pontevedra en 2022. Ambas supoñerán preto de 60 millóns de euros

Presentación dos orzamentos da Xunta para 2022
Presentación dos orzamentos da Xunta para 2022 / Xunta de Galicia

Dous proxectos que veñen de lonxe, a ampliación do hospital de Pontevedra e o saneamento da ría, 'devorarán' a práctica totalidade dos investimentos que a Xunta de Galicia prevé realizar na cidade de Pontevedra. Ambas supoñerán preto de 60 millóns de euros.

Para o Gran Montecelo, en concreto, o goberno galego reserva 35,58 millóns para 2022. Ademais, consigna 46,5 millóns para 2023, 32,4 millóns para 2024 e outros 12 millóns para 2025, ata case completar a primeira fase do proxecto, estimada nuns 130 millóns.

O saneamento da ría supoñerá outros 14 millóns. A principal actuación impulsada por Augas de Galicia será a construción do novo emisario submarino, con 9 millóns.

Ademais, haberá 3,5 millóns para a mellora da EDAR dos Praceres, que queren ter plenamente operativa no primeiro semestre do ano; 950.000 euros para o saneamento do río Lameira (Marín) e 400.000 euros para melloras na rede de augas pluviais de Pontevedra 

Infraestruturas destinará outros 1,42 millóns para completar a estación intermodal e a reforma da actual terminal de autobuses e reserva 500.000 euros para executar a variante de Alba, cunha proxección prevista de 8,5 millóns máis en 2023 e 2024.

Outros 92.000 euros para a reforma do edificio administrativo de Benito Corbal, proxecto da Vicepresidencia da Xunta, completan os principais investimentos para a cidade, máis aló de proxectos incluídos en partidas xenéricas ao longo das contas autonómicas.

Un deles, segundo avanzou Ethel Vázquez este mércores en Pontevedra, será a humanización da PO-546, entre Estribela e o límite urbano con Marín, un proxecto que recolle un investimento aproximado de 900.000 euros.

OUTROS INVESTIMENTOS NA COMARCA

Ademais dos compromisos recollidos para Pontevedra con partidas específicas, os orzamentos da Xunta para 2022 inclúen outras actuacións na comarca.

Así, haberá 750.000 euros para avanzar na reforma das estradas PO-230, PO-234 e PO-235 en Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama, que contan cunha previsión de dous millóns máis para 2023 e 2024.

Sanidade recolle, pola súa banda, preto de 770.000 euros para acometer diferentes actuacións no Hospital do Salnés, aínda que sen detallar cales serían os proxectos que se financiarán; Educación outros 50.000 euros para ampliar o IES Aquis Celenis de Caldas; e Medio Ambiente case 114.000 euros para equipamentos de lecer en Mirallos (Moraña).

Un dos departamentos máis investidor será o de Augas de Galicia con 2,5 millóns para saneamento en Vilanova de Arousa, 1,64 millóns para a depuración de Vilagarcía ou 1,41 millóns para melloras na EDAR de Tragove (Cambados).

A mellora do bombeo e do colector de Cabanelas (Cambados e Ribadumia) terá 511.000 euros, mentres que para o saneamento do núcleo de Reboredo (Campo Lameiro) haberá 400.000 euros e para actuacións no río Umia (Forcarei, Cuntis e Moraña), outros 317.000.

Portos de Galicia, mentres tanto, inclúe 480.000 euros para ampliar a lonxa de Campelo, 200.000 euros para a lonxa e a reordenación de atracadas no Grove, 200.000 euros para aumentar a lonxa de Cambados, 155.000 euros para a accesibilidade do porto de Bueu e 145.000 euros para instalar os novos módulos do dique flotante de Aguete.

Arquivado en