O Hospital Público Gran Montecelo disporá de 265 baños modulares na torre de hospitalización, o que permitirá aforros de tempo dun 20% na súa execución.
A dotación destes equipamentos nas habitacións permite evitar interferencias coa construción da propia estrutura do edificio, polo que a súa instalación será simultánea ao avance en altura da torre de hospitalización.
Deste xeito, o proxecto arquitectónico conxuga, de novo, deseño e funcionalidade nunha obra hospitalaria de vangarda que se está a converter en referente e modelo neste tipo de edificación especializada.
Estes baños modulares son fabricados en serie nunha planta industrial, baixo condicións de control, seguimento e probas que dificilmente se poden conseguir na instalación convencional en obra.
Este tipo de equipamentos está moi estendido nas principais economías de Europa, e atópase en auxe en España, polas vantaxes que achega na construción de edificios con moita repetición da mesma tipoloxía de baños, como hospitais, hoteis, residencias de estudantes, centros da terceira idade ou grandes bloques residenciais.
No Hospital Público Gran Montecelo o deseño dos baños incorporará unha parede de ducha coa carta náutica da ría de Pontevedra, que cartografía e reproduce os nomes dos máis representativos núcleos de poboación.
O resto das paredes estarán realizadas en revestimentos de gran formato en tonalidade gris clara, pezas de gran tamaño que reducen o número de xuntas necesarias, un dos puntos críticos na obra hospitalaria, ao ser un posible refuxio para a reprodución de fungos e bacterias.
Estes 265 baños modulares irán equipados con barra de apoio en aceiro inoxidable, barra de tres brazos, cadeira, espello en formato mural desde o lavabo encimeira ata o teito, inodoro e lavabo feito co material de nova xeración ‘Solid Surface’, máis continuo, homoxéneo, moldeado e sólido (non poroso) que a louza habitual.
PROTOTIPO REMATADO
O prototipo dos baños modulares que equipará o Hospital Público Gran Montecelo xa está rematado e tamén comezou a fabricación das estruturas. A planta industrial que se encarga do proceso, Sistemas Modulares KR (con nome comercial Modulbath), situada en Barcelona, ten capacidade para producir ata 80 baños modulares de forma simultánea. A primeira fase de subministro prevese que dea comezo na última semana de agosto e que se prolongue ata outubro, mentres que a segunda fase rematará en febreiro de 2023.
Do transporte por estrada encargarase unha cooperativa de Pontevedra. O traslado dos 265 baños modulares necesitará empregar 52 envíos en camión. Con todo, este proceso non acrecenta a pegada de carbono, xa que todo o equipamento dos baños vai directamente á planta industrial e, desde esta, viaxa xa integrado nos módulos á obra para a instalación final. Ademais, ao producir nunha nave baixo estrito control, a xestión dos residuos é total.
A diferenza do que acontece nas obras convencionais, a instalación de baños prefabricados permite que esta non quede toda xunta para o final, senón que vai avanzando en simultáneo e ao mesmo ritmo que a propia edificación.
A fabricación modular aforra un 20% de tempo e de man de obra, permite solapar actividades, extrema os controis, achega axilidade na edificación e evita remates e problemas de execución, xa que os módulos veñen realizados e probados en fábrica.
A propia empresa que está a asumir a produción será a encargada da instalación e supervisión en obra, para o que desprazará a Galicia a un equipo formado por catro traballadores.
TORRE DE HOSPITALIZACIÓN
En paralelo á fabricación seriada dos baños modulares, continúa a execución da torre de hospitalización do Hospital Público Gran Montecelo coa súa orixinal xeometría en `Z´, que perpetuará e caracterizará a visión do edificio desde o exterior. Será o primeiro hospital de Galicia con este peculiar deseño arquitectónico, nun sector asistencial no que predominan as formas rectangulares cunha torre en vertical ou varias unidas por pasarelas.