O Gran Montecelo, coas obras ao 75% e previsión de poder funcionar a mediados de 2025

06 de xuño 2024

O orzamento final da obra vai medrar ata os 170 millóns de euros. Nesta primeira fase, terá 128 prazas de aparcamento en urxencias e licitarase un segundo estacionamento con 892 prazas para 2026. Terá novos servizos de Radioterapia e Medicina nuclear que evitarán o desprazamento de máis de 500 pacientes a Vigo

Visita institucional ás obras do Gran Montecelo o 6 de xuño
Visita institucional ás obras do Gran Montecelo o 6 de xuño /

O novo Hospital Público de Montecelo, o coñecido como Gran Montecelo, continúa a bo ritmo e as obras están xa, segundo a Xunta de Galicia, ao 75% da súa execución.

Así o anunciou este xoves a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a pontevedresa María Martínez Allegue, que visitou as obras co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación Provincial, Rafa Domínguez; e o xerente da área sanitaria, José Manuel Flores.

Neste momento traballan nestas obras 200 operarios para facer realidade un proxecto que, segundo os prazos facilitados por Martínez Allegue, poderá empezar xa a funcionar a mediados do ano 2025 mentres que a cafetería e o novo aparcamento terán que esperar un ano e medio máis, ata finais de 2026

Segundo as cifras facilitadas pola conselleira, o orzamento final da obra vai medrar ata os 170 millóns de euros. O proxecto licitouse en decembro de 2020 por 130 millóns, pero as obras e a crise actual dispararon as cifras. 

Como pontevedreses, tanto a conselleira como o alcalde e o vicepresidente da Deputación recoñeceron a súa emoción e satisfacción polo avance destas obras e dun proxecto que, en palabras de Lores, "vai ser a solución hospitalaria para toda a área sanitaria" e, para Rafa Domínguez, "vai mellorar a asistencia médica e cirúrxica de centos de miles de persoas". A área sanitaria presta atención a 300.000 pacientes.

O Gran Montecelo terá unha superficie construída nova de 92.000 metros cadrados e unha característica forma de 'Z' da planta da hospitalización. Nesta primeira fase, terá 128 prazas de aparcamento en urxencias e licitarase un segundo estacionamento con 892 prazas máis na beirarrúa contraria da avenida Montecelo, que será o que empece a funcionar en 2026.

Trátase dunha infraestrutura "moderna, sostible e, sobre todo, funcional" que é "fundamental para mellorar a eficacia sanitaria e o confort dos pacientes", segundo a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O conselleiro de Sanidade destacou que o Novo Montecelo permitirá contar cun novo servizo de medicina nuclear e tamén con novos servizos de Radioterapia e Oncoloxía, unhas melloras que evitarán  o desprazamento de máis de 500 pacientes cada ano a Vigo.

Como especialista médico nesta especialidade, o conselleiro sinalou que este é "un fito importantísimo para a sanidade pública galega" e que terá "tecnoloxía de altísimo nivel" e posicionará a Pontevedra como "un polo de excelencia tanto desde o punto de vista da investigación como da asistencia"

Gómez Caamaño destacou que esta área sanitaria vai pasar a ter unha UCI pediátrica e un hospital de día para mellorar os coidados da saúde mental infanto-xuvenil.

Durante a visita, os representantes da Xunta, o Concello e a Deputación puxeron en valor a "colaboración interadministrativa" entre as tres institucións que fixo posible este proxecto. 

Arquivado en