A ampliación do Hospital Montecelo será, un ano máis, a actuación da Xunta de Galicia que 'absorberá' a maior parte do seu investimento en Pontevedra. En 2019, o goberno galego destinará para esta obra un total de 12.3 millóns de euros, segundo recolle o proxecto de orzamentos para o próximo ano, que foi presentado este venres.
Este diñeiro destinarase, fundamentalmente, a abonar as expropiacións que se deben realizar para construír o novo edificio que completará o hospital pontevedrés (3.5 millóns) e á realización do plan director (8.8 millóns).
A intención da Xunta, reiterada hai uns días polo seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, é a de licitar as obras durante o primeiro trimestre de 2019.
En total, o goberno galego prevé destinar, só en grandes proxectos, 26.6 millóns de euros a Pontevedra en 2019. Deles, 2.8 millóns serán para terminar as obras de construción do novo edificio xudicial da Parda, mentres que case 1.9 millóns serán para completar a rehabilitación da antiga sede da Xunta en Benito Corbal.
Para o saneamento da ría de Pontevedra, a Xunta inclúe partidas de 7.6 millóns de euros, dos cales 4.5 millóns serían para melloras na actual depuradora e 3.1 millóns para a construción do novo emisario submarino.
Os grandes proxectos para Pontevedra complétanse cos 1.65 millóns consignados para a estación intermodal, que recibirá outros 2.5 millóns en 2020; e os 500.000 euros que reflicte o orzamento para a variante de Alba, que ademais ten comprometidos outros 5 millóns para a súa construción nos anos 2020 e 2021.
Ademais, Política Social inclúe a Pontevedra no plan de construción de sete residencias para maiores nas grandes cidades galegas, un programa que conta cun investimento global de 3.73 millóns para 2019 e 62 millóns máis para os dous exercicios seguintes.
OUTROS PROXECTOS NA COMARCA
Os orzamentos para 2019 tamén inclúen a construción do novo colexio de Vilalonga (Sanxenxo), que recibirá 2 millóns de euros -e outros 1.75 millóns en 2020; ou as reformas das estradas PO-230, PO-234 e PO-235 en Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas e A Lama, para o que se reservan 1.17 millóns en 2019 e outro millón de euros para 2020.