O "gran día para Pontevedra" no que avanza o proxecto para rehabilitar os edificios centrais do Museo

Pontevedra
19 de maio 2023

O Pleno da Deputación aprobou o proxecto cos votos a favor de PSOE e BNG e en contra do PP, que sinalou que "non se comprende a urxencia" de votar a escasos días das eleccións municipais "comprometendo á vindeira Corporación provincial"

Pleno da Deputación de Pontevedra
Pleno da Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O proxecto para rehabilitar os edificios centrais do Museo de Pontevedra deu este venres un novo paso e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, avanzou que poderá saír a licitación de xeito "inmediato"

O asunto abordouse no Pleno extraordinario da Deputación e o proxecto aprobouse cos votos a favor de PSOE e BNG e en contra do PP. 

A deputada 'popular' Pepa Pardo argumentou o voto en contra porque "non se comprende a urxencia" de votar a escasos días das eleccións municipais "comprometendo á vindeira Corporación provincial".

O seguinte paso para a rehabilitación darase a semana próxima coa aprobación no Pleno do Concello de Pontevedra da modificación do Peprica e procederase a iniciar a licitación para poder iniciar as obras da rehabilitación no cambio de ano. 

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, responsable político da institución, insistiu en que esta aprobación supón que este venres se vive "un gran día para Pontevedra", pois rehabilitar o Museo "era unha necesidade". 

Carmela Silva nunha comparecencia previa e Mosquera durante o Pleno manifestaron a súa pena por que non se puidera facer antes polos atrancos e complicacións que tivo o proxecto a nivel burocrático. 

Mosquera destacou que con este paso consolídase a solución para recuperar as construcións orixinais e poñer en valor o Museo, do que destaca que "o máis importante de Galiza con distancia e de entre os cinco máis importantes do Estado en fondos e superficie", e tamén se poñen as bases para que o centenario no ano 2027 "poida celebrarse ao grande".

Aprobando este proxecto no Pleno "ponse fin a toda unha situación que non era de recibo en Pontevedra", en palabras de Mosquera, que lembrou que durante dez anos se buscaron solucións e que agora o proxecto conta con todas as bendicións  e debería ir a gusto de todos". 

Mosquera tamén quixo explicar ao PP que a urxencia pola aprobación vén dada porque a concesión dos tres millóns de euros de fondos do PIREP (a máxima posible) esixe ter xustificada a obra a finais do 2026, polo que se precisan pasar todos os trámites canto antes porque o tempo "vai facer falta" para executar os traballos.

O nacionalista criticou que o PP "ametrallou" co Museo "encasquillándose" nunha posición contraria dende o inicio e agora está "preso" desa situación. Destacou que a postura "é difícil de comprender" e preguntouse por que os populares, a pesares de que a rehabilitación do Museo é positiva para Pontevedra, sempre están en contra dos intereses da cidade. 

Carmela Silva tamén manifestou a súa sorpresa "por que moleste que teñamos recursos para facer cousas por Pontevedra". Dirixiuse especialmente á deputada Pepa Pardo e, subliñando que é tamén concelleira no Concello de Pontevedra, destacou que "debería estar a aplaudir"