No pleno da Deputación de Pontevedra deste venres rexeitáronse as mocións da oposición sobre lombos, comarcalización de bombeiros municipais, cláusulas sociais e proxectos singulares.
O pleno da Deputación, cos votos do PSOE, do BNG e a abstención da coalición electoral Son, rexeitou a demanda do PP para que a Rolda Este da cidade de Pontevedra constrúase libre de "lombos" ou resaltos tal e como reclamou nunha moción que se debateu na sesión.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, esgrimiu argumentos técnicos de especialistas en infraestruturas para avalar a instalación destes dispositivos redutores de velocidade e sinalou que "quen ten que ter en conta todos os intereses é o enxeñeiro", tendo en conta todos os elementos, "por iso son expertos" e escusouse dicindo que "eu non me atrevería a falar do que non sei".
Tamén o deputado socialista, David Regades, recalcou a "aposta pola seguridade viaria" do goberno da Deputación e insistiu en que os lombos son "unha fórmula ratificada por todos os técnicos" e tamén una das medidas "máis exitosas" de reducir a sinistralidade.
O Partido Popular defendeu as teses que expuxo o vicepresidente da Asociación profesional galega de técnicos de ambulancias Asgate, José Iglesias, que pediu unha quenda de palabra para dirixirse ao goberno provincial e pedirlle que non instale neste novo viario os pasos sobreelevados, resaltos ou lombos. "Poñan calquera outra medida de acougado do tráfico, menos esas", porque "son lesivas para os pacientes que teñen que usar o transporte sanitario". "Levamos varios anos dicíndoo", insistiu José Iglesias.
Segundo os datos dos técnicos de ambulancias a Rolda Este será o principal acceso dos vehículos de emerxencias ao Hospital Montecelo asumindo o 70% dos traslados. "Non creo que pidamos imposibles. Estamos a tempo", instou o vicepresidente de Asgate aos membros da corporación.
A Rolda Este, entre O Marco e O Pino, atópase en proceso de licitación por uns dous millóns de euros. A previsión é que as obras poidan comezar no primeiro trimestre do próximo ano e estar lista antes de 2019.
COMARCALIZACIÓN DOS PARQUES DE BOMBEIROS
O PP provincial esixiu, sen éxito, que a Deputación apoie o proxecto de comarcalización dos parques de bombeiros. O grupo da oposición defendeu unha moción na que instaba á presidenta da institución, Carmela Silva, que se some a esta iniciativa "como xa fixeron o resto de deputacións galegas". O portavoz popular provincial, Ángel Moldes, argumentou que a comarcalización dos parques municipais de Pontevedra e Vigo teñen unha "intención clara de acabar cun problema histórico como as emerxencias".
"Nosotros no nos negamos absolutamente a nada", asegurou o deputado socialista Carlos López Font que lembrou que "este gobierno ha sido el primero en demandar una solución al mapa de emergencias diseñado por los señores Rueda y Louzán".
López Font puxo en valor os informes técnicos presentados pola Deputación nos que se sinala a existencia de zonas de sombra na cobertura das emerxencias "y hemos hecho una propuesta realista elaborada con criterios técnicos", engadiu. "Hay que ir a un modelo de isócronas", apuntou.
O vicepresidente César Mosquera afirmou que a proposta da Xunta "non existe" e recriminou que os concellos implicados de Pontevedra e Vigo "están a ser os últimos en decatarse". López Font reprochou ao Partido Popular que a proposta da Xunta "lo único que se pretende es una confrontación de territorios" xa que "a fecha de hoy no se ha hecho absolutamente nada".
INCLUSIÓN DE CLÁUSULAS SOCIAIS
O deputado da coalición electoral Son, Xosé Lois Jácome, presentou unha moción solicitando ao goberno provincial a inclusión de cláusulas sociais nos seus contratos "para dar un paso adiante cara á xustiza social" corrixindo situacións de desigualdade, así como con outros factores como os lingüísticos, ambientais ou os sociais.
Segundo explicou Jácome, o actual modelo xeral que usa a Deputación de Pontevedra "ten como única variable a ter en conta para a adxudicación de contratos a ponderación do prezo" un criterio que, ao seu xuízo, non é o que beneficia á maioría social.
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, sinalou que na moción da coalición electoral Son "aprécianse certas contradicións e dificultades para a súa aprobación", ao entender que todas estas medidas que demanda a moción xa se están aplicando "ata onde os nosos servizos xurídicos entenden que poden estar". Mosquera engadiu que "compartimos o fondo" pero pediu a retirada da moción.
Pola súa banda, o portavoz do grupo provincial socialista, Carlos López Font, insistiu nesta última idea "categóricamente podemos afirmar que esto ya lo hemos incorporado".
Desde o grupo do Partido Popular, a deputada Elena Muñoz recriminou o seu voto negativo aos partidos que conforman o goberno provincial "ustedes están instalados en el no" e anunciou o seu apoio á proposta da coalición electoral Son "aunque ideológicamente estamos muy distanciados".
RECURSOS AO PLAN DE PROXECTOS SINGULARES
O Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego votaron en contra dos recursos presentados polos concellos de Cuntis, A Lama, Ribadumia, Salceda de Caselas, Valga e Vila de Cruces, ante a desestimación das subvencións concedidas a outros municipios no marco do Plan de Proxectos Singulares e de Equilibrio.
Os deputados do PP consideran que estas axudas feitas cunha óptica "premeditada e sectaria" en función de "intereses políticos" do bipartito. Segundo afirmou Ángel Moldes, do total do orzamento o 75% foi a parar a concellos gobernados polo PSOE ou o BNG e o 25% restante a municipios do PP "cando a realidade, por moito que lles desguste, na provincia é que a presenza de alcaldes e alcaldesas do Partido Popular é moi diferente a ese reparto".
"Sucede o que nós xa anunciamos: que todo isto estaba cociñado" dixo Moldes que lembrou que os concellos de Sanxenxo e Vilanova de Arousa acudiron aos tribunais para recorrer a denegación destas axudas. "Todo isto solucionábase con diálogo", concluíu o portavoz popular.
Pola súa banda o deputado responsable de Cooperación, o socialista, David Regades, destacou que as valoracións sobre a concesión dunha subvención fanas os técnicos sobre uns criterios aprobados por todos os partidos, "incluído o PP". E engadiu que os populares "non están de acordo con este plan pero os concellos gobernados polo Partido Popular concorren a el. Fale cos seus alcaldes", recomendoulles.
O vicepresidente César Mosquera dixo con ironía que "este goberno é culpable ata da morte de Manolete" e responsabilizou aos dirixentes populares de non informar os seus alcaldes pero si "mandalos a mobilizacións".