O Goberno provincial insta á creación dun "auténtico Plan de Rescate" da man da Xunta e os concellos

Pontevedra
19 de xaneiro 2021

O Goberno provincial pide unha mesa institucional na que se acorde a participación económica da Xunta e dos entes locais que será proporcional aos ingresos de cada administración. Os grupos do goberno (PSOE e BNG) reclaman que o procedemento sexa áxil e sinxelo e que as axudas se tramiten ao través dun portal único

A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera
A presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra debaterá no Pleno ordinario deste mes de xaneiro unha moción asinada polos grupos de Goberno (PSdeG-PSOE e BNG) pola que esixe á Xunta de Galicia un Plan de Rescate da hostalería e do resto dos sectores afectados pola pandemia de Covid19 nun marco de colaboración interadministrativa.

A Deputación adianta a súa vontade de sentarse nunha mesa institucional e de achegar recursos para unha liña de axudas "na mesma porcentaxe sobre o presuposto provincial que a que aplique a Xunta sobre o seu orzamento 2021".

A moción tamén insta á Xunta de Galicia a adoptar o "modelo alemán" para que ante calquera nova restrición que se adopte se inclúa no mesmo decreto sanitario o importe das axudas para os sectores profesionais afectados a fin de que poidan facer fronte ás consecuencias económicas que supoña cada decisión.

A maiores, reclama que tódalas axudas poidan repartirse cun procedemento urxente, áxil e sinxelo.

No texto destácase a operatividade deste modelo implantado en Alemaña, onde tódalas medidas sanitarias van acompañadas de axudas inmediatas aos sectores económicos afectados. Considérase que este debe ser o exemplo a seguir por parte da administración autonómica, "que é a competente para ordenar as restricións e tamén a que ten ao seu dispor os recursos para facer efectivas as axudas".

O texto inclúe tamén a esixencia dos sectores afectados de que a Xunta bonifique ou elimine o tramo autonómico do IRPF e os canon do lixo, da auga, e o eólico.

Do contido da moción foi informada a directiva da asociación de hostaleiros da comarca de Pontevedra, Hoempo, que se reuniu cos deputados Carlos Font e Santos Héctor que expresaron a súa solidariedade e apoio ás reivindicacións que o sector está a facer á Xunta de Galicia correspondentes ás súas competencias.