O goberno provincial aproba un plan de 2,5 millóns para confinanciar os servizos sociais comunitarios

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

A Deputación de Pontevedra tamén acordou a reactivación do programa " Depo en Marcha", que ten por obxecto favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de distintos talleres que teñen como finalidade favorecer a participación e a cooperación social

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar / Clece

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu en rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados este luns pola Xunta de Goberno Provincial, na que destacou a aprobación do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais.

Este plan ten como obxectivo proporcionarlles asistencia económica aos 51 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantesnas súas competencias en materia de servizos sociais comunitarios básicos.

Así, a Deputación de Pontevedra destinará 2,5 millóns de euros para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico dos concellos e corporacións locais de menos de 20.000 habitantes, así como o financiamento destas entidades para a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios.

Carmela Silva destacou que "este ano imos lograr xa que todos os concellos poidan financiar o perfil de auxiliar administrativo, contribuíndo así a axilizar os procesos duns servizos públicos fundamentais que se atopaban totalmente desbordados".

"Todos os concellos van recibir axudas para financiar este perfil", indicou a presidenta da Deputación de Pontevedra. Os beneficiados serán os concellos de Arbo, As Neves, Crecente, Cuntis, Meis, O Rosal, Pontecesures, Portas, Rodeiro e Vilaboa que verán incrementados os seus recursos nun total de 60.145 euros a maiores dos que xa tiñan asignados.

DEPO EN MARCHA

A Deputación de Pontevedra tamén acordou a reactivación do programa "Depo en Marcha", que ten por obxecto favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de distintos talleres que teñen como finalidade favorecer a participación e a cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias que permitan fomentar a súa independencia para evitar así o illamento e as situacións de soidade.

Poderán beneficiarse do programa unhas 130 entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra ás que se destina un 20% máis de recursos ata superar os 186.000 euros.