O goberno provincial aproba a licitación das obras da Rolda Leste

Pontevedra
24 de novembro 2017

Os traballos, que ascenden a 2.000.000 millóns de euros, poderán comezar no mes de marzo para finalizar a finais de 2018

Trazado da Rolda Leste
Trazado da Rolda Leste / Deputación de Pontevedra

A Deputación aprobou este venres na Xunta de Goberno a licitación das obras da Rolda Leste, una estrada de nova creación que unirá a estrada do Pino-Bora coa zona de Montecelo en Pontevedra.

O vicepresidente César Mosquera explicou que a nova vía, que ten un orzamento de 2.066.014 euros (3,4 millóns incluídas as expropiacións), poderá iniciarse no mes de marzo e estar finalizada a finais de 2018 se toda a tramitación administrativa e a execución van segundo o previsto.

Mosquera manifestou que a nova estrada será unha vía "moi funcional" para a parte leste da cidade, xa que moitos vehículos que van a día de hoxe a Montecelo acurtan por pistas e camiños que non teñen capacidade suficiente e crean molestias aos veciños.

"Nesa zona temos bastantes problemas de permeabilidade porque o tráfico vai pola rúa das Pereiras e rúa das Olivas, e os vehículos non collen, non cruzan dous coches. Iso agora substituiríase por esta vía, que ademais leva un carril bici e unha zona peonil xenerosa", explicou.

O vicepresidente lembrou que a obra da Rolda Leste retrasouse máis do previsto xa que houbo que modificar o proxecto por innumerables erros na tramitación do anterior goberno provincial. Agora, segundo dixo, "o proxecto está moi traballado e non debería haber ningunha incidencia que o retrasase máis, xa que os terreos están expropiados e a disposición". "O importante é que quede ben", asegurou o nacionalista.

A Rolda Leste terá unha lonxitude de 970 metros cunha única calzada e dous carrís de circulación de 3,50 metros cada un, con beiravías dun metro máis unha berma de 0,75 metros. Tamén contará cunha senda peonil para ciclistas e peóns de catro metros de largo que pretende dar resposta á necesidade de continuidade aos tránsitos peonís e ciclistas da contorna e garantir a accesibilidade na superficie do viario.

O trazado iniciarase na glorieta existente na PO-542 (Pino-Bora) á altura do antigo establecemento de ‘Muebles Juviol’. A partir de aí a nova vía tomará dirección norleste e, ascendendo cunha pendente máxima do 8,5%, alcanza a estrada provincial EP-0003, na que se levantará unha nova rotonda. A partir dela a pendente suavizarase ata finalizar nunha terceira glorieta, que se construirá sobre a estrada PO-532 nas proximidades do acceso actual ao complexo Príncipe Felipe e Hospital Montecelo. O cruce actual modificarase para realizar a nova conexión.

As dúas novas glorietas que se construirán na EP-0003 e na PO-532 terán unha calzada con dous carrís de 4,5 metros cada un e beiravías dun metro. A primeira terá un diámetro exterior de 42 metros, mentres que a segunda, que consta de catro accesos e deixa previsto un quinto para a prolongación da Rolda Leste, será maior e terá un diámetro exterior de 50 metros.

A nova infraestrutura terá un aforo, segundo os estudos de campo realizados para o proxecto, duns 5.000 vehículos diarios. Estímase que preto do 90% do tráfico actual da rúa das Pereiras e da rúa das Olivas circulará pola nova vía cando estea construída.

Unha vez aprobada a licitación o anuncio sairá no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPP), e as empresas terán 26 días naturais para presentar as súas ofertas a partir do día despois da publicación. Unha vez se peche o prazo de recepción de propostas, estas  analizaranse técnica e economicamente. A Xunta de Goberno deberá aprobar a adxudicación definitiva, asinar o contrato e aprobar a acta de replantexamento de obras. Unha vez realizados todos eses trámites, a execución dos traballos poderá ser unha realidade.

Arquivado en