O goberno municipal redactará "inmediatamente" o proxecto de reforma de Mollavao

Pontevedra
14 de decembro 2018

Foi a resposta do BNG á moción presentada por toda a oposición, para instar ao Concello a presentar este proxecto de reforma urbana, licitalo e executalo en 2019. O goberno municipal sumouse a ese consenso

Protestas dos veciños de Mollavao e dos funcionarios municipais
Protestas dos veciños de Mollavao e dos funcionarios municipais / Mónica Patxot

Boa noticia para os veciños de Mollavao. O goberno municipal, a través do concelleiro Demetrio Gómez, garantiu que os servizos técnicos do Concello redactarán "inmediatamente" o proxecto definitivo de reforma urbana do barrio.

A este respecto, o edil do BNG lembrou que o orzamento para 2019, aprobado no pleno deste venres, recolle unha partida de 700.000 euros para esta actuación que será executada a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra.

O Concello, defendeu o responsable de Mobilidade, está a dar "todos os pasos posibles" para contratar esta obra "o antes posible" algo que, en todo caso, confirmou farase o próximo ano, o que fará que os veciños teñan "un asunto menos polo que preocuparse".

Foi a resposta do BNG á moción presentada por toda a oposición, para instar ao Concello a presentar este proxecto de reforma urbana, licitalo e executalo en 2019. O goberno municipal sumouse a ese consenso.

Antes, o portavoz do PP, Rafa Domínguez, deu lectura á moción trasladada polos veciños, que lamentaban sentirse "marxinados" polo Concello, reclamando unha actuación integral "que nunca chega" e que ata agora tan só se plasmou en "meros bosquexos".

"Non se lles ven ganas de solucionar o gueto de Mollavao", denunciaban os veciños, que alertaron da inseguridade das súas rúas, da carencia de zonas verdes, do ruído da AP-9, da falta de mantemento dos espazos públicos, dunha limpeza deficiente ou da ausencia de equipamentos públicos, deportivos ou culturais.

Por unanimidade foi aprobada tamén a moción de Marea na que instaba o goberno municipal a intensificar a negociación cos funcionarios municipais, moitos deles presentes no pleno, para aprobar unha nova RPT e concretar co persoal un acordo económico que palíe a súa perda de poder adquisitivo.

No pleno tamén saíu adiante, neste caso co único voto en contra do PP, a moción presentada por Marea para solicitar á Xunta de Galicia que retire o proxecto do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, reclamando a Costas ao mesmo tempo que se denegue os permisos para a súa construción.

Tanto o resto de partidos como a plataforma veciñal de Lourizán afearon aos populares que rompesen o consenso sobre o rexeitamento que, ata o momento, xeraban todos os proxectos tendentes a ampliar a actual EDAR.

Pola súa banda, os votos de BNG e Marea impediron que prosperase a moción coa que o PP reclamaba do Concello un plan para atraer empresas que compensen, en parte, a perda dos postos de traballo que provoca o peche da fábrica de Elnosa en Lourizán.