Situación inédita a que se vai a dar no próximo pleno da corporación. A modificación de crédito que prepara o goberno municipal, que permitirá incorporar 10,32 millóns de euros ao orzamento para 2024, sairá aprobada sen ningún voto en contra da oposición.
"Agardamos que isto marque un punto de inflexión e sexa o inicio dunha liña de colaboración futura polo ben de Pontevedra entre as tres forzas políticas", destacou o edil de Facenda, Raimundo González, que agradeceu o espírito de consenso co que negociaron PP e PSOE.
González, que celebrou que eliminara "calquera vestixio de confrontación", engadiu que "se aparcamos as diferenzas hai cousas que nos unen polo ben de todos".
O concelleiro do BNG vinculou este consenso á decisión de incluír nesta modificación proxectos de gasto "maduro", compromisos firmes adquiridos ou acordos plenarios aprobados por unanimidade, o que fixo que ningún asunto fora rexeitado pola oposición.
A modificación de crédito que se aprobará no pleno do próximo 17 de xuño permitirá incorporar 10.324.587 euros ao orzamento municipal, elevándoo por riba dos 128 millóns de euros, "lonxe de toda dúbida" o máis elevado da historia do Concello de Pontevedra.
O expediente inclúe desde os convenios coa comunidade de montes (40.000 euros) ás subvencións aos clubs deportivos (600.000 euros), pasando polos premios Feroz (450.000 euros), o Río Verbena (121.000 euros), a adquisición de vehículos para as brigadas municipais (160.000 euros) ou as grandes festas como a Feira Franca (295.000 euros).
Tamén haberá partidas para iniciar as obras de humanización de Rosalía de Castro (2,23 millóns) ou o novo pavillón de Monte Porreiro (1 millón), para traballos de accesibilidade en Lourizán, Casaldorado, Rúa das Pereiras y Rúa do Outeiro (1 millón) ou para reformas no Principal (280.000 euros) e no Pazo da Cultura (300.000 euros).
Outras partidas inclúen saldar a débeda co consorcio de escolas infantís (723.000 euros), obras de emerxencia na Casa da Luz, no edificio administrativo de Michelena (410.000 euros) e no mercado de abastos (179.000 euros) ou a subvención para taxis adaptados (60.000 euros).
Raimundo González explicou que houbo cuestións introducidas por ambos os dous partidos, entre elas actuacións de axardinamento en Monte Porreiro (300.000 euros) ou a Praza das Regas (145.000 euros) ou o mantemento dos colexios (179.000 euros), solicitadas polo PSOE.
No caso do PP, absterase a cambio do compromiso para reformar os parques infantís de Monte Porreiro e os xulgados, un plan de rozas para o rural, o cambio da bancada do campo de Monte Porreiro, o asfaltado de Ribeira dos Gafos e un plan de humanización para A Seca.