O goberno local traballa para desbloquear o proxecto do Centro Social do Arén, en Samieira

Poio
08 de xullo 2023

Estábanse incumprindo todos os prazos porque o Concello de Poio non ten dispoñibles fondos propios para aportar os 120.000 euros que se lle esixen

Reunión para falar do Centro Social de Arén, en Samieira
Reunión para falar do Centro Social de Arén, en Samieira / Concello de Poio

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asegura que "o goberno local non renuncia á rehabilitación e ampliación do Centro Social de Arén, en Samieira", e explica que xa está traballando cos técnicos para desbloquear este proxecto e non perder a subvención que, segundo explicou, "corre perigo porque non hai fondos propios dispoñibles para cumprir coa aportación que ten que facer a administración local e, ademais, estaban incumprindo con todos os prazos marcados".

Así o anunciou durante unha reunión que mantivo a finais desta semana con representantes dos colectivos veciñais desta parroquia, entre os que se incluían as comunidades de montes de Samieira e Arén, as comisión de festas, a asociación sociocultural e deportiva, o grupo do entroido e a plataforma veciñal. 

Moldes pediu tranquilidade e comprometeuse a analizar todas as posibilidades que teñen para salvar este investimento.

O alcalde explicou que dos 277.397 euros que ten de orzamento este proxecto, que inclúe ampliar o edificio e mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade, a seguridade e habitabilidade, o Concello de Poio tería que asumir 120.000 euros e o resto correría a cargo de fondos europeos.

"As obras terían que estar licitadas xa en marzo e agora deberían iniciarse, e aínda que sabían que estaban incumprindo e que a subvención estaba en risco, o Tripartito seguiu dando por feito aos veciños este investimento", lamentou Moldes.

Unha realidade que, afirmou, colleu ao actual Goberno local "por sorpresa", pero que está traballando para evitar perder ese investimento e poder facer realidade esa mellora do Centro Social de Arén. 

"Xogamos en tempo de desconto, hai meses de retraso na contratación e o prazo para recepcionar a obra remata en agosto de 2024, pero xunto aos técnicos municipais estamos analizando que alternativas temos para ofrecer unha solución urxente", dixo o alcalde. 

Moldes apuntou que unha das opcións que se barallan é aprobar unha modificación de crédito no próximo pleno municipal "para que a aportación que estaba reservada para o proxecto da Deputación que perdeu o Tripartito, se destine ao Centro Social de Arén". 

"Sería unha medida urxente que permitiría salvar este proxecto e evitar dous fracasos do Tripartito. Un deles, a subvención da Deputación para investir un millón de euros en Viñas, As Laxes, Tarrío e Arén, xa non ten solución. Así que agora estamos intentando evitar que o Centro Social de Arén corra a mesma sorte", dixo o alcalde.