O Goberno Local prorroga seis meses o contrato do guindastre á espera de sacar o novo concurso deste servizo

Pontevedra
30 de decembro 2023

Segundo informou en rolda de prensa a portavoz municipal, Anabel Gulías renovouse este contrato do servizo de guindastre municipal por un total de 324.716 euros, concretamente ata o próximo 30 de xuño

Guindastre municipal
Guindastre municipal / PontevedraViva

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra ven de aprobar unha prorroga por seis meses do contrato da empresa concesionaria do guindastre municipal, Setex Aparki.

Segundo informou en rolda de prensa a portavoz municipal, Anabel Gulías renovouse este contrato do servizo de guindastre municipal por un total de 324.716 euros, concretamente ata o próximo 30 de xuño.

Con todo, esta prórroga podería non chegar a consumirse debido a que o Concello ten previsto sacar antes a licitación o novo contrato de retirada e depósito de vehículos. 

O pasado mes de outubro o Concello aprobou a solicitude de Setex-Aparki de restablecemento de equilibrio económico-financeiro do contrato.

O descenso do número de enganches do guindastre obrigou ao Concello a compensar economicamente a esta concesionaria co pago de 113.749 euros para estabilizar as súas contas. A empresa tivo que asumir o 20 % das perdas.