O contrato de mellora de iluminación que obtivo Setga non será tratado xudicialmente despois de que se arquivou a investigación proposta por Fiscalía tras a denuncia dun anónimo sobre a adxudicación no ano 2012 da mellora da iluminación en diferentes accesos a Pontevedra.
O concelleiro Vicente García Legísima indicou que en xaneiro de 2015 recibiran o escrito de Fiscalía e por parte do goberno local presentáronse os contratos e a orde de contratación sobre este mellora lumínica. Tras pasar máis dun ano, o caso non prosperou e o representante municipal lamenta que non se lle dera a mesma "publicidade" a esta situación que á presentación da denuncia.
Neste sentido, García Legísima referiuse aos concelleiros do PP ao entender que causaran dano á empresa despois de que o concelleiro popular César Abal manifestase publicamente as súas sospeitas sobre esa adxudicación.
O contrato denunciado contemplaba a renovación da iluminación para mellorar a eficiencia enerxética no viario cara a Marín PO-11, na contorna do nó de Bombeiros, en Montecelo e na continuación da avenida de Bos Aires.
OPERACIÓN PATOS
Por outra parte, o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, anunciou este mércores 2 que está a estudar a posibilidade de recorrer a sentenza pola que se arquiva provisionalmente o caso relativo a Cespa na Operación Patos. Aladro indicou que están analizando o contido desa resolución xa que ten certa dificultade porque, por un lado, se pide máis información á administración e, por outro, arquívase.