César Mosquera, responsable de Infraestruturas e Obras urbanas do Concello de Pontevedra, indicaba este martes que na xuntanza mantida entre Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, se anunciaba que o primeiro centro que se verá afectado pola creación do novo Hospital Montecelo será a Casa do Mar de Mollavao, edificio de especialidades que quedará sen uso sanitario apróximadamente a finais de 2024, atendendo ás previsións do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
Segundo indicaba o concelleiro pontevedrés, o presidente da Xunta trasladara a súa preocupación para que ese edificio de mediados doos anos oitenta, pertencente ao Insituto Social da Mariña (ISM), manteña actividade.
Mosquera avanzou que por parte do Concello de Pontevedra analizarán co ISM a posibilidade de que se manteña a cesión para ver a súa viabilidade e as posibilidades que ofrece para a súa utilización xa que a Xunta anunciou que quere centrar toda a actividade sanitaria en Montecelo.
"A idea é que non quede meses ou anos sen uso", apuntou o edil sobre a Casa do Mar para afirmar que "sempre hai necesidades" e entre elas explicou que a Policía Local está a buscar espazo para unha nova sede, ante as limitacións que presenta a actual no Pazo da Cultura.
En todo caso, advertiu que é necesario coñecer primeiro as intencións definitivas tanto do Estado como da Xunta de Galicia para estudar as opcións deste edificio. "Estudaremos o asunto, valorarémolo e no caso de verlle un futuro viábel, tentaremos que nolo cedan", expuxo Mosquera á espera de coñecer as previsións que teñan as outras administracións sobre o futuro deste inmoble situado no barrio de Mollavao.