A decisión da Audiencia de Pontevedra de desestimar o recurso do Concello de Pontevedra sobre a caducidade parcial da concesión dos terreos ocupados pola fábrica da compañía Ence provocou que os servizos xurídicos municipais estuden se existe a posibilidade de presentar un recurso a esta decisión ante o Tribunal Supremo.
A concelleira Carme da Silva sinalaba que esta sentenza se refire á concesión previa a 2018 e aclarou que o Concello mantén a solicitude de anulación da vindeira concedida por parte do goberno de Mariano Rajoy por 60 anos máis. Da Silva indicou que se hai vontade política non é necesario levar a cabo procedementos xurídicos senón políticos e administrativos para que Ence abandone a ría.
Ante as acusacións desde a empresa de "acoso xudicial", o Concello de Pontevedra sinala que usa todos os mecanismos a súa disposición para que "non se perpetre a agresión á sociedade pontevedresa e continúe 60 anos máis", afirmaba Carme da Silva indicando que van seguir empregando todas as opcións neste sentido.
A coordinadora do grupo municipal do BNG arremetu contra Ence indicando que está acostumada a utilizar outros mecanismos e sinalou que a empresa pasteira mantivo negociacións que lle supuxeron beneficios de miles de millóns e que se realizaron sen luz, sen taquígrafos e sen coñecemento público.
A concelleira tamén informou do punto tratado na comisión de Urbanismo sobre a remisión a Augas de Galicia dos informes emitidos en relación co anteproxecto do novo emisario submarino da estación Depuradora de Praceres. Da Silva lembrou que o pleno rexeitou por unanimidade a construción desta infraestrutura e afirmou que se o actual emisario vai quedar a disposición de Ence e funciona correctamente, "xa temos emisario".