O Goberno local denuncia unha "utilización perversa dos vendedores ambulantes"

Pontevedra
14 de agosto 2023

O conflito entre o Goberno local e os vendedores ambulantes pola localización da feira de Pontevedra está marcado, segundo o alcalde, de "certa manipulación ou influencia que está a xerar problemas". Lores ve a proposta de trasladar a feira á avenida de Bos Aires "viable" e "factible" e "beneficia a toda a cidadanía"

Protesta dos ambulantes reclamando a feira na Alameda
Protesta dos ambulantes reclamando a feira na Alameda

O conflito entre o Goberno local e os vendedores ambulantes pola localización da feira de Pontevedra está marcado, segundo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de "certa manipulación ou influencia que está a xerar problemas". 

O alcalde de Pontevedra realizou estas declaracións este luns a preguntas dos medios de comunicación en relación coa presenza dos vendedores durante o acto de lectura do pregón que o sábado 12 deu inicio ás Festas da Peregrina. 

Lores ve unha "utilización perversa dos vendedores ambulantes por parte de determinados sectores", sen poñer nome aos responsables desa manipulación

Os vendedores manteñen un pulso ao Concello para reivindicar que a feira se celebre na Alameda, a localización que ocuparon na recta final do pasado mandato por decisión da Concellería de Promoción Economía, que entón ocupaba a socialista Yoya Blanco. Coa constitución do novo Goberno en solitario do BNG, decidiuse cambiar esa localización e o novo Executivo puxo sobre a mesa un traslado á avenida de Bos Aires, á altura do mercado, pero esta proposta non convence aos feirantes

Nas súas declaracións deste luns, Lores explicou que a proposta formulada polo Goberno local é "viable" e "factible" e "beneficia a toda a cidadanía". Trátase dunha proposta na liña das que adoita adoptar este Executivo nacionalista: "Nós non tomamos decisións en base a un sector determinado, senón decisións que cremos que son mellores para o funcionamento da cidade". 

Os feirantes son especialmente críticos coa nova concelleira de Promoción Económica, a nacionalista Anabel Gulías, que propuxo o traslado á avenida de Bos Aires, e á que cualifican como "a peor concelleira de Promoción Económica que pasou polo Concello de Pontevedra" por un "capricho político do BNG". 

O alcalde defendeu a Anabel Gulías, cun traballo para buscar alternativas para os feirantes que lles beneficia e estes traballadores e ao resto da cidade. Foi "un traballo moi serio e rigoroso", para Lores, que responde os feirantes que, ante a súa petición dunha reunión co Goberno local, "o Concello responderá a esa petición"