O goberno local de Vilaboa levará ao pleno do luns unha moción na que instará á Corporación municipal a rexeitar a instalación no Morrazo do Parque presentado no Rexistro Eólico de Galicia pola empresa Arena Power e que se instalaría en montes de Vilaboa, Moaña e Marín, así como respaldar as accións da "Plataforma Eólicos no Morrazo Non" nas actividades que realice.
O goberno do alcalde César Poza promoverá, como se recolle na moción, todas as accións legais e xudiciais para impedir a instalación deste ou de calquera outro Parque Eólico no Morrazo, especialmente no referido a emisión de informes e presentación de alegacións no período de exposición pública do proxecto. O Concello instará á Xunta de Galicia a que suprima a "Area de Desenvolvemento Eólico do Morrazo" do Plan Eólico de Galicia.
Sobre as dimensións deste proxecto e as consecuencias concretas que tería para o Morrazo e para os montes de Vilaboa a plataforma "Eólicos no Morrazo Non" convoca unha charla para este vindeiro martes na Casa de Cultura de Riomaior ás 20.30 horas, á que Francisco Costa, concelleiro de Medio Ambiente de Vilaboa, convida a asistir.
Alí explicarase que a empresa "Arena Power", con sede en Madrid, pretende presentar un proxecto para a construción dun Parque Eólico na comarca do Morrazo formado por 15 aeroxeradores, dúas subestacións coas correspondentes liñas de evacuación eléctrica e dúas torres de observación en terreos dos montes de San Martiño e Domaio en Moaña; Santomé de Piñeiro en Marín e Santa Cristina máis San Adrián de Cobres en Vilaboa. Este macroparque eólico situaríase dentro da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo establecida no Plan Eólico da Xunta de 1997 (4.362 hectáreas da elevada dorsal granítica da península, equivalente á cuarta parte da súa superficie).
O goberno local de Vilaboa considera "fundamental" que a veciñanza se manteña "informada e vixiante ante un proxecto que só na fase de construcción, con voaduras para dinamitar terreo granítico e a apertura ou ensanche de camiños e de novas pistas forestais, impactaría directamente nos ríos, mananciais, acuíferos e afectaría aos numerosos depósitos de traídas de auga municipais e veciñais de todos os concellos, así como á flora e fauna (especialmente nos hábitats de interese comunitario), ás especies protexidas e ao cuantioso patrimonio histórico, nomeadamente ao arqueolóxico".