O goberno local de Sanxenxo comunica aos sindicatos a súa intención de revisar o convenio laboral

Sanxenxo
12 de xaneiro 2021

A prórroga do texto conclúe o 31 de marzo e ábrese un prazo dun mes para a negociación cos representantes dos traballadores

Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo
Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo

O Goberno local do  Concello de Sanxenxo comunicou este martes aos sindicatos e á Consellería de  Traballo a súa intención de revisar o convenio laboral que seguirá vixente ata o 31 de marzo cando conclúe o prazo da prórroga. 

O concelleiro de Persoal, Marcos  Guisasola, trasladoulles aos representantes dos traballadores que a intención do goberno é "realizar unha actualización e revisión dalgúns dos puntos do texto para adaptalo ás necesidades actuais". 

A alerta sanitaria obrigou durante o pasado ano a recorrer ao teletraballo nos distintos departamentos municipais, unha situación que, por exemplo, non recolle o actual convenio en vigor.

A partir de agora ábrese un prazo de negociación de 30 días cos sindicatos e antes de finalizar este mes convocarase a primeira comisión negociadora na que se abordarán os artigos que se queren modificar.

Ademais, o  Concello abrirá outro proceso de negociación cos sindicatos para abordar as actuais indemnizacións laborais de baixas por enfermidade. A elevada taxa de baixas, un 51,5% por encima da media estatal, rexistrada durante 2019 e 2020 leva ao goberno para revisar a máxima indemnización da cobranza do salario en vigor desde 2018. 

"Aínda que non é unha maioría dos traballadores, pero si unha parte  significante, o goberno detectou un certo abuso na utilización das baixas", aseguran desde o equipo do alcalde Telmo Martín. "O goberno como o máximo responsable de xestionar o diñeiro do orzamento que procede dos impostos dos veciños de Sanxenxo e, por tanto, ten a obrigación de emendar calquera situación anómala detectada".