O Goberno local de Poio sinala que as festas de San Xoán foron seguras, inclusivas e un éxito de participación

Poio
28 de xuño 2023

O alcalde Ángel Moldes destaca que a venda de sardiñas aumentou un 50% e habilitáronse 670 novos aparcamentos

Festas de San Xóan, en Poio
Festas de San Xóan, en Poio / Concello de Poio

O alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes fixo este mércores unha valoración moi positiva das festas de San Xoán, tanto polo "éxito de participación", como porque foron unhas festas "seguras e inclusivas". Así o sinalou o alcalde en rolda de prensa, xunto ao concelleiro de Festexos, Fran da Silva. 

Moldes recoñeceu que as novidades que o Goberno incorporou a última hora á programación foron "moi ben recibidas polos asistentes". 

Como exemplo do éxito de participación, o rexidor de Poio explicou que as vendas de platos de sardiñas aumentaron un 50% e que, por primeira vez, os horarios de venda prolongáronse ata pasada a 1 da madrugada.

Tamén se contou con máis aparcamentos disuasorios, 670 prazas máis con respecto a edicións anteriores, e por iso agradeceu a todos os propietarios das fincas que as cedesen de xeito totalmente desinteresado.

Unha das principais novidades destas festas foi reservar unha hora diaria de atraccións en silencio para facer que sexan máis inclusivas, unha medida pola que recibiron o agradecemento de moitas familias e que, para futuras edicións, intentarán aumentar "como mínimo, a dúas horas diarias".

Tamén destacou Moldes a festa infantil, e xa adiantou que o ano próximo aumentaranse os inchables e manterán a animación musical, a espuma e a auga.

Con respecto á entrega de premios aos deportistas, este ano cambiouse o formato, de xeito que todos os membros dos equipos puidesen subir á tarima e recibir unha medalla de recordo, cando ata o de agora só podía acceder un neno en representación de cada equipo e recibía un único trofeo.

Con todo, Moldes tamén recoñeceu que tiveron que solucionar problemas "en tempo récord", xa que a uns días de comezar a festa non estaba contratado ningún subministro eléctrico para as festas e "as partidas para facelo estaban esgotadas, nin se contaba coa autorización da Subdelegación do Goberno para os fogos artificiais". Así, explicou que tiveron que facer un plan de emerxencia e buscar unha localización diferente para poder contar co permiso e que os veciños disfrutasen dos fogos artificiais do San Xoán.

Por último, o alcalde agradeceu "a disposición, axuda implicación de todos os traballadores municipais sen excepción", así como dos corpos de seguridade, desde a Garda Civil, ata a Policía Local e Protección Civil, "que estiveron totalmente coordinados para garantir que estas fosen unhas festas totalmente seguras".