O goberno local de Poio insta a Movistar a levar a fibra óptica ás zonas do municipio que carecen deste servizo

Poio
09 de xullo 2020

Chelo Besada, tenente de alcalde, afirma que, na maioría das zonas, están instaladas as infraestruturas necesarias para que a empresa privada de telecomunicacións realice os traballos necesarios e ofreza este servizo de ancho de banda de internet ao 100% do territorio municipal como se comprometera

A tenente de alcalde, Chelo Besada
A tenente de alcalde, Chelo Besada / Concello de Poio

Chelo Besada, tenente de alcalde e concelleira de Servizos e Obras de Poio, enviará un novo escrito á multinacional española de telecomunicacións Movistar para instarlle a que realice os traballos oportunos que permitan levar a fibra óptica a todo o municipio de Poio.

Segundo a representante municipal, na maioría das zonas nas que aínda non se instalou a fibra óptica, hai infraestruturas para implantala. Por iso, Besada lémbralle á empresa que anunciara prestar este servizo á totalidade do territorio municipal.

Sinala que o Concello de Poio iniciou en 2009 as xestións para que este sistema de ancho de banda da internet chegase a todos os puntos de Poio e implicouse á hora de axilizar as tramitacións para facilitar os traballos en terreos de propiedade municipal, como no caso do centro histórico de  Combarro. Afirma que noutros puntos como en Covelo, na parroquia de Samieira, onde a veciñanza reclama a fibra óptica, os terreos pertencen a outras administracións ou a particulares.

Neste sentido, Besada lembra que o servizo chega da man dunha empresa privada que se rexe por motivacións económicas, malia que o Concello medie e facilite terreos para a instalación de postes e cableado cando existe algunha dificultade por parte dos propietarios. 

Desde o goberno local indican que no últimos cinco anos aumentou notablemente a dotación de fibra óptica no municipio pero alegan que, para chegar á súa totalidade, é necesario que Movistar execute os traballos e poña en marcha o servizo, sobre todo cando ten un convenio co Estado polo que recibe investimentos de diñeiro público para implantar este sistema en todo o territorio nacional.