O goberno local de Marín presenta un orzamento que ascende 12,6 millóns de euros

Marín
01 de abril 2016

O concelleiro de Facenda, Urbanismo e Persoal no Concello de Marín, Manuel Santos Costa, convocou para este luns día 4 de abril unha comisión extraordinaria de Facenda para tratar o proxecto de orzamentos que realizou o equipo de goberno para este ano 2016

Vista aérea de Marín
Vista aérea de Marín

O concelleiro de Facenda, Urbanismo e Persoal no Concello de Marín, Manuel Santos Costa, convocou para este luns día 4 de abril unha comisión extraordinaria de Facenda para tratar o proxecto de orzamentos que realizou o equipo de goberno para este ano 2016.

É un orzamento que ascende 12.673.001,97 euros, lixeiramente superior ao último aprobado que foi o do ano 2014, concretamente un 2,11% maior.

Manuel Santos destacou que "a pesar de que non se van a modificar as taxas nin os impostos para este ano 2016 ", é dicir que non hai previsto unha subida dos mesmos, no que se corresponde aos ingresos si se prevé un pequeno incremento sobre todo polas regularizacións e inspeccións que se están levando a cabo no que corresponde a taxas, en canto a abonados dos servizos de auga, lixo e rede de sumidoiros.

Ademais espérase tamén un incremento nas cantidades que se ingresarán polas transferencias correntes procedentes doutras administracións, sobre todo por parte da Xunta de Galicia.

INVESTIMENTOS

Os investimentos ascenden a 783.724 euros, o que supón o 6,2% do total do orzamento.

O nivel de endebedamente sitúase nun 17%

As partidas contempladas neste capítulo destínanse a dar cumprimento aos distintos compromisos adquiridos por este concello con outras administracións para o cumprimento de varios convenios, engadindo algún proxecto que aínda non foi presentado.

"De novo asumiranse estes investimentos con recursos propios", subliñou o concelleiro. Polo que o goberno local non terá que recorrer a ningunha operación de crédito e poderá así seguir rebaixando a débeda do concello, situando o nivel de endebedamento nun 17%, tendo en conta o máximo legal permitido que é o 110%, e permitindo así que se rebaixen máis de 140.000 euros en relación ao anterior orzamento e que se destinaban a amortizar préstamos e intereses e que agora se destinan directamente a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños.