O goberno local de Cuntis acusa ao PP de intentar "boicotear" o Polígono de A Ran

Umia
26 de novembro 2022

Dende o Concello de Cuntis envían unha "mensaxe de tranquilidade" ao tecido empresarial, co que se reunirán a semana que ven para "deixar claro que a área industrial segue adiante cun investimento asegurado de 6 millóns"

Manuel Campos, alcalde de Cuntis
Manuel Campos, alcalde de Cuntis /

O goberno local de Cuntis lamenta "o intento do Partido Popular de boicotear o avance do polígono industrial de A Ran" coa presentación de alegacións no último día da súa exposición pública ao convenio asinado con Suelo Empresarial del Atlántico e Consorcio Zona Franca de Vigo. 

Un feito que o goberno local interpreta como "unha inexplicable estratexia para retrasar ainda máis unha infraestrutura que é clave para o futuro do municipio".

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos recorda que a tramitación do polígono comezou hai 30 anos e que sempre contou co respaldo e o apoio de todas as corporacións. "Sen embargo, e debido á complexidade da tramitación, ata agora ningún goberno local conseguira un convenio con partida económica para iniciar un desenvolvemento polo que as empresas levan anos esperando". 

Para Manuel Campos "resulta incomprensible que tras conseguir unha partida que supera os cinco millóns de euros para arrancar con este desarrollo o único que se lle ocurra ao Partido Popular sexa poñer paus nas rodas e retrasar, ainda que so sexa uns días, o proceso".

O alcalde de Cuntis envia unha "mensaxe de tranquilidade" ao tecido empresarial da contorna, co que manterá reunións a vindeira semana para aclarar que "o proxecto para o polígono industrial de Cuntis segue adiante a pesar do Partido Popular". 

"Contestaranse as alegacións no prazo establecido e seguiremos adiante porque se as empresas están esperando polo solo, as familias de Cuntis están esperando que se creen postos de traballo no seu pobo. E mentras o Partido Popular pon atrancos nós seguimos traballando cos obxectivos moi claros", conclúe Manuel Campos.