O PSOE reclamaba nos últimos días que na mesa de contratación do servizo de auga fosen invitados técnicos da Deputación e da Xunta. Tamén o PP manifestaba as súas dúbidas sobre o proceso que se está levando a cabo para adxudicar este novo contrato. Este xoves, o portavoz do goberno local Raimundo González mostraba a súa sorpresa ante estas declaracións xa que a composición desta mesa foi pactada por todos os grupos políticos.
A mesa de contratación está composta por catro técnicos municipais (técnicos de intervención, asesoría xurídica, servizo de contratación e outro da entidade xestora) e cinco representantes políticos de todos os grupos e non entende por que se pide a inclusión agora de técnicos externos ao Concello. Raimundo González afirmou que os grupos políticos están a mostrar unha falta de respecto absoluta polos técnicos municipais, ao poñer en dúbida as súas valoracións.
González apuntaba que as decisións que se adoptan nas mesas de contratación non son políticas senón baseadas en criterios técnicos. A persoa responsable do informe é o integrante do servizo xestor, no caso da adxudicación do auga, o enxeñeiro municipal.
En relación co Partido Popular, o portavoz do grupo de goberno dixo que o único que lle interesa ao grupo municipal do PP é "montar barullo" e apuntou a que xa se están movendo para opoñerse ao plan de compostaxe na cidade.
O Concello aprobaba en Xunta de Goberno a prórroga do contrato actual da auga "polo tempo necesario", cun máximo de seis meses, que rematará o 28 de agosto.