O portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González, respondeu este mediodía ás acusacións do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nas que culpaban ao goberno local de non querer acometer o saneamento da ría pontevedresa e amparábanse en que non se asinara o protocolo de colaboración con Augas de Galicia para levar a cabo este proxecto.
Raimundo González indicou que dende o 10 de abril, tras a reunión mantida con Augas de Galicia na confraría de Lourizán, se remitiu á consellería de Medio Ambiente un documento no que, para axilizar os trámites, o Concello se compromete a permitir o acceso á rede de saneamento, facilitar a documentación e información que Augas de Galicia solicite, achegar a información das redes de saneamento existentes e facilitar a previsión de investimentos en materia de saneamento. Por este motivo, entenden que a desculpa da falta de autorización para acceder á rede non se sostén.
González indicou que non se asinou o protocolo enviado por Medio Ambiente porque se encontra no procedemento habitual de estudo técnico e por este motivo elaborouse este outro documento no que o único que se pide a Augas de Galicia é que solicite as intervencións cunha marxe de tempo.
Segundo o portavoz local, Augas de Galicia non ten interese no plan de investimentos nin dispón de financiamento para o saneamento da ría. "Só se quere elaborar un estudo" apuntou Raimundo González. E engadiu que durante a reunión mantida coa empresa, non se aceptou ningunha das propostas realizadas polo Concello de Pontevedra como, por exemplo, a construción dun tanque provisional de regulación na depuradora de Praceres.